Especies invasoras: a cala, un perigo fantasma invisible a ollos da sociedade e ignorado por algunhas administracións

Non está incluída no catálogo de especies invasoras. "A xente non é mala, non fai as cousas por mal adrede, senón por falta de coñecemento", asegura Saleta González, bióloga da Sociedade Galega de Historia Natural, que está convencida de que "o problema coas especies invasoras máis importante que temos é que non se están levando a cabo accións de prevención".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 22/04/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Se che falo dunha planta en forma de cartucho, cunha flor branca moi grande, de seguro que sabes cal é. Non ten perda. Trátase da cala --'Zantedeschia aethiopica' (L.) Spreng--, moi presente en todo o territorio galego e que prolifera dende os xardíns ata zonas salvaxes ou mesmo cemiterios, non se lle escapa nin un recuncho. A pesares de ser unha especie invasora en Galicia, séguese comercializando, pois non está incluída no catálogo de especies invasoras do Ministerio, e, ao ser unha planta tan vistosa e bonita, houbo un tempo no que se puxo de moda e non había casa na nosa terra que non tivese varias calas no seu xardín. Dende o Galicia Confidencial falamos con Saleta González, bióloga responsable da sección de botánica da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) que nos explica por que esta planta non se atopa incluída neste catálogo a pesares da súa perigosidade para os ecosistemas autóctonos.

Calas ou cartuchos
Calas ou cartuchos | Fonte: Commons

O primeiro pasa por entender se realmente estamos ante unha especie invasora. Para González non hai dúbida: "é invasora, pero dependendo da ubicación na que estea pode desenvolver todo o seu carácter invasor ou non". Como nos conta, a cala é unha planta herbácea, perenne, da familia das aráceas e de orixe sudafricana. O seu período de floración abrangue os meses de primavera, polo que actualmente atópase en todo o seu esplendor. E aínda que moitas veces se adoita pensar que a flor é precisamente ese cartucho branco que tanto chama a atención, realmente é o 'pirucho' amarelo que se atopa no seu interior, chamado espádice. O cal tampouco é unha flor como tal, senón unha inflorescencia composta por varias flores. Estas están envoltas por esa bráctea modificada que é a parte branca, chamada espata.

Pero, sendo de Sudáfrica, como chegou ata Galicia? Como na maioría dos casos acontece coas especies invasoras, "a través da xardinaría", asegura González, que explica que "a cala é unha especie que por si mesma non podería chegar ata nós". "As especies, unha da maneira que temos de clasificalas, é en función da súa mobilidade, por exemplo, os humanos movémonos por nós mesmos, somos unha especie cosmopolita, outras especies son quen de moverse por un proceso de dispersión, como poden ser especies exóticas que aparecen en Galicia por mór do cambio climático seguindo un proceso evolutivo, pero a cala non tería chegado a nós de ningún outro xeito se non fose a partir da xardinaría", apunta a botánica. Ao tratarse dunha planta tan bonita, houbo moito interese en importala.

"NON HAI UNHA LEXISLACIÓN QUE OBRIGUE A DEIXAR DE VENDELA E PLANTALA"

E cando se convertiu verdadeiramente en invasora? Pois cando comezou a afectar ao medio. González invítanos, para entendelo mellor, a pensar nunha palmeira: "unha palmeira aínda que a plantes non ten esa capacidade invasora no medio, non é quen de colonizar o espazo onde está". Cando se dá o salto? "Cando a especie en cuestión empeza a ocupar de maneira invasiva o espazo onde está, seguindo diferentes estratexias para competir polos recursos: a uña de gato, por exemplo, ten a estratexia de ir tapizando o sustrato e acabando coa luz e os recursos no espazo onde se instala, o que lle dá unha capacidade de expansión moito máis rápida que a de outras especies; outra estratexia pode ser a química, que é a que empregan os eucaliptos e as acacias, emitindo ao medio unhas substancias químicas que evitan que xerminen doutras especies", expón a experta. A maiores, tamén inflúen os factores ambientais.

Calas
Calas | Fonte: Commons - Arquivo

Existindo tanto problema por perder especies autóctonas naqueles lugares onde a cala se atopa competindo polos recursos, fundamentalmente en zonas húmidas e de sombra, como é posible que se continúe comercializando a día de hoxe? Para a botánica da SGHN isto ten que ver con varias cuestións. Por unha parte, "non hai unha lexislación que obrigue a deixar de facelo, co cal non temos unha ferramenta para obrigar a ninguén a deixar de vender". A día de hoxe, non está recollida no catálogo como especie invasora, só como especie potencialmente invasora en Canarias, "un espazo moito máis sensible ao tratarse de illas". Mentres, "no resto do territorio español, tamén en Galicia, podes plantar calas perfectamente sen incumprir ningunha normativa".

"SE TI NON SABES QUE UNHA COUSA ESTÁ MAL NON VAS DEIXAR DE FACELA"

Por outra banda, "tampouco hai ningunha política de información nin de prevención". "A xente non é mala, non fai as cousas por mal adrede, senón por falta de coñecemento", asegura González, que está convencida de que "o problema coas especies invasoras máis importante que temos é que non se están levando a cabo accións de prevención" e "se ti non sabes que unha cousa está mal non vas deixar de facela". Así, pon os exemplos de calas que aparecen ás beiras das estradas ou dos ríos: "proceden de xente que fixo cortas na súa casa e que tira os restos para que se descompoñan nas beiras dos camiños ou nos ríos". O mesmo problema que "cando alguén ten calas na súa casa e as pon diante dos muros porque quedan bonitas". A esta falta de información da poboación xeral súmase a falta de información dos viveiros, centros comerciais e lugares de venda de xardinaría. Entre todos, "estamos xerando un montón de dispersión", conclúe.

Dispersión que non hai forma de controlar se non é introducindo a man humana, porque con esta especie non viron os seus inimigos naturais. "A imaxe que ti percibes dun espazo natural non che transmite todo o ciclo de consumo e produción que hai nel, no que están implicados diferentes tipos de animais, dende insectos ata herbívoros, cada elemento ten un depredador, unhas enfermidades, un consumidor e un sistema de reciclaxe que ti non ves cando miras a natureza, non te dás conta de que existe, pero existe", asegura González, que explica que "cando ti metes unha especie como a cala nese espazo natural estás perturbando o seu sistema de produción e consumo e, moitas veces, non hai nel os animais adecuados para alimentarse ou combater este tipo de especies, polo que non pode haber sobre elas un control natural do ecosistema de por si".

"NUN TEMA QUE AFECTA AO BENESTAR DE TODOS, ÁS VECES MÉTESE A POLÍTICA"

Polo tanto, e tendo en conta todo o anterior, que se pode esperar do futuro? Algún día chegará a poboación a darse conta dos perigos desta especie? Algún día as Administracións porán medios para loitar contra a súa dispersión incontrolada? Lamentablemente, a botánica da SGHN considera que "só se tomarán medidas cando se vexan afectados recursos económicos". "É unha minoría social a que ten conciencia de preservación do medio vexetal, polo que existe unha minidemanda que non vai ser atendida ata que afecte aos recursos económicos", considera González, que lamenta que "nun tema que nos afecta a todos, ao noso benestar presente e futuro, tamén se meta moitas veces a política". "Non estamos falando de cores, estamos falando de patrimonio natural e de preservación do medio ambiente, algo que debería interesarlle a todos os partidos", conclúe.

Dende a Sociedade Galega de Historia Natural están traballando cun grupo de voluntarios nun atlas de flora exótica, con especies que son incipientes no noso territorio e co obxectivo de que sexa unha ferramenta de prevención, para evitar que estas especies incrementen a súa presencia no territorio pola man do home. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta