Pode un 600 circular pola autovía? un accidente na autovía do Salnés que deu moito que falar...

"Non entendo tanta impresión, claro que pode circular, sempre pode circular", dinos, tallante, Norberto, presidente do Club Nacional SEAT 1430, 124, 124 Sport. A DGT expón que a única limitación para circular por autoestrada ou autovía dos vehículos históricos dáse se "non acadan os 60 quilómetros por hora".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 19/04/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O pasado domingo tivo lugar unha colisión en cadea na autovía do Salnés que se saldou con dous feridos. Con todo, o que máis sorpresa causou entre a xente non foi o accidente en si, senón que entre os coches implicados se atopaba un Seat 600, un coche clásico, pequeno e que non semella, 'a priori', moi útil para viaxar a altas velocidades. Houbo comentarios de todo tipo ao respecto, uns que dicían que tiña o mesmo dereito a circular que calquera e outros que se preguntaban se realmente era seguro, pero dende o Galicia Confidencial quixemos falar cun experto en coches clásicos, Norberto, presidente do Club Nacional SEAT 1430, 124, 124 Sport, para que nos contase realmente se este coche pode circular por unha autoestrada e cales son as súas características principais.

Seat 124
Seat 124 | Fonte: Commons

"Non entendo tanta impresión, claro que pode circular, sempre pode circular", dinos, tallante, Norberto. E é que indo ao regulamento da Dirección Xeral de Tráfico (DGT), este expón claramente que a única limitación para circular por autoestrada ou autovía dos vehículos históricos dáse se "non acadan os 60 quilómetros por hora", e "cando non superen os 40 quilómetros por hora circularán polo arcén, sempre que sexa posible, en estradas convencionais". Ademias, "en determinadas datas e vías, poderá prohibirse a circulación dos vehículos que non superen os 80 quilómetros por hora". E que velocidade pode acadar un 600? Norberto asegura que, "dependendo da potencia do modelo, pode chegar aos 90, 100 ou 120". É dicir, non se queda limitado aos 60 que establece a normativa como o mínimo para circular por estas vías de alta velocidade.

"A CHAPA DESTES COCHES É BASTANTE MÁIS FORTE QUE A DOS MODERNOS"

Nas imaxes do accidente en cuestión tamén se podían observar restos de moitos vehículos espallados polo asfalto, pero ao chegar ao 600, víase que este tiña algún golpe na parte traseira, pero non uns danos moi alarmantes. Como nos explica Norberto, "a chapa destes coches é bastante máis forte que a dos modernos, que tenden a deformarse máis para absorber máis o impacto". "Os coches clásicos son bastante máis resistentes e fortes que os modernos", engade, apuntando que "aínda máis se levan cinto de seguridade, que ás veces non sempre eran obrigatorios nas prazas traseiras". Sexa como fose, asegura que "eu síntome máis seguro ás veces nun coche clásico que nun moderno".

Agora ben, tamén concede que "non teñen airbag e estes sistemas de seguridade modernos que si poderían protexer máis", pero "tampouco é iso que nos venderon de que os modernos son moito mellores que os clásicos", porque "por resistencia é máis resistente un coche clásico". Outra cousa a ter en conta tamén é o lugar no que sexa o impacto, pois "os modernos defórmanse antes porque teñen o peso da chapa moito máis pequeno e absorben o impacto". Ademais, tamén inflúe a velocidade, aínda que para Norberto, "a altas velocidades da igual un que outro, todos son perigosos". E puntualiza que "a xente que vai nun clásico adoita ir máis tranquila, sen présa e sen moita velocidade".

Seat 600
Seat 600 | Fonte: Commons

Así as cousas, entende perfectamente que o 600 tivese menos danos que os outros vehículos, e indica que "se fose un 124 aínda tería menos danos". Iso si, os poucos que poida ter van ser máis complexos de reparar que nun vehículo moderno, pois "hai pezas que xa son moi difíciles de atopar, outras que son caras e tamén algunhas que teñen un prezo normal como para calquera coche, porque houbo algún fabricante que se adicou a reproducilas". As orixinais como tal non poden ser, a non ser que se lle quiten a outro coche igual, porque "fai moitísimos anos que xa non se fabrica ningunha destas pezas".

"O RANGO DE PREZOS VAI DOS 1.500 AOS 8.000 EUROS, DEPENDE DO MODELO"

Indo ao mercado actual, a canto se pode atopar un destes coches? Norberto apunta que "dependerá moito do modelo do que se trate exactamente, porque en todos os coches clásicos hai unha diferenza grandísima entre modelos; tamén do seu estado de conservación; e, finalmente, da oferta e a demanda de cada momento". Indica que "hai algúns modelos dos que se fabricaron pouquísimas unidades ou que son moi antigos ou descapotables, entón valerán máis". O rango de prezos oscilaría entre os 1.500-2.000 euros e os 7.000-8.000. Para poder diferenciar entre os prezos dun modelos ou doutros convídanos á concentración nacional que terá a asociación os días 7 e 8 de setembro en Cáceres ou á que celebrán o 28 de xullo en Chantada.

En concreto, Norberto conta que do Seat 600 fixéronse uns 700.000 coches, o cal "son moitos para a época", mentres que do Seat 124 fixéronse uns 970.000-980.000, sendo "o coche máis fabricado en España ata os 80 e no mundo ata os 80 e algo, contando cos Fiat e outros modelos de coches que se fixeron en Rusia ou Cuba". "Os escarabellos semellaban ser os máis vendidos do mundo, pero non é así, os 600 e 124 viñeron a desprazalos", asegura. "O 124 non hai ningunha parte do mundo á que non chegase, dende África ata Rusia, dende sitios cálidos ata sitios fríos, en todas as súas versións, dende berlina ata descapotable", expón, e engase que, "estes coches, ademais de ser clásicos, son populares: o 90 % das familias españolas tivo un 124 ou un Seat 600 ou as dúas cousas", xa que "durante o franquismo non deixaban entrar moitos coches que non foran Seat no país".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta