A familia da galega desaparecida nun buque do CSIC prepara máis accións xudiciais tras o arquivo da causa

Os xulgados decretaron a semana pasada o arquivo e sobresemento provisional da causa.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 12/04/2024 | Actualizada ás 18:43

Comparte esta noticia

A familia de María del Carmen Fernández, a galega desaparecida o pasado mes de setembro no buque oceanográfico 'García del Cid' do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), prepara máis accións xudiciais despois de que a Audiencia Provincial de Valencia confirmase a semana pasada o auto do Xulgado de Instrución número 3 de Gandía que decretaba o arquivo e sobresemento provisional da causa.

Tal como confirmou o portavoz dos familiares, o avogado Diego Leis, na actualidade estudan "posibles accións xudiciais", xa que entenden que pode haber posibles responsabilidades da empresa, ao desaparecer mentres traballaba.

"Estamos en fase de estudo para facelo coas máximas posibilidades de éxito", indicou Leis, en declaracións a Europa Press. Por iso, dixo que están a recompilar documentos e probas para analizar que accións levar a cabo. Todo iso despois de que se confirmase o arquivo da causa da desaparición da galega, natural de Cangas.

FEITOS

A desaparición de Carmen Fernández foi notificada, pola propia tripulación do barco, a Salvamento Marítimo o 10 de setembro de 2023, cando os seus compañeiros a botaron en falta. Aínda que se iniciou un dispositivo de procura, non se localizou o seu corpo.

Dáse a circunstancia de que Carmen denunciara no pasado por acoso a un compañeiro de tripulación (o caso arquivouse en 2019), e mesmo solicitara o seu traslado a outro barco para non coincidir con esa persoa.

Antes de partir para a viaxe no que desapareceu, Carmen, que traballaba de camareira no barco, coincidiu con ese compañeiro en porto, pero o home non chegou a embarcar por motivos de saúde.

Buque de investigación pesqueira García del Cid / CSIC - Arquivo / Europa Press
Buque de investigación pesqueira García del Cid / CSIC - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta