Cando queres "triturar" o xornalismo libre en Galicia e en Madrid con 20 millóns de diñeiro público

As ameazas a unha xornalista feitas polo director do Gabinete da Presidencia da Comunidad de Madrid, Miguel Ángel Rodríguez, son só un exemplo das moitas coaccións que caen sobre os e as profesionais dos medios. Neste caso hai unhas probas evidentes nunha liña de Whatsapp, mais a maioría das veces as coercións veñen vestidas con frases de dobre sentido, ameazas de retirada da publicidade e outros métodos. Galicia tamén coñece este sistema de control exercido ao mellor de maneira máis sibilina, aínda que tamén daniña.

Por Moncho Mariño | Santiago | 21/03/2024 | Actualizada ás 22:10

Comparte esta noticia

As presións teñen mil maneiras de ser exercidas e sen deixar ningunha pegada ou rastro, por iso é incomprensible como un “experto” en medios e comunicación como Miguel Ángel Rodríguez, sexa tan descoidado ou inconsciente para enviar ameazas por unha rede social como é Whatsapp. Ameazas coa intencionalidade de intimidar e crear pánico nunha xornalista concreta e nun medio concretos. A orixe desta acción moi probablemente estea vinculada a que o medio e a xornalista non están dentro das “marxes ideolóxicas” detrás do goberno 'popular' na Comunidad de Madrid. Actos como este poden darse tamén en Galicia, quizais máis sibilinos, aínda que existen. Xa non só durante os anos de Fraga na Xunta senón tamén co que foi a época Feijóo e a súa agresiva campaña contra os medios alleos á súa posición política que executaba a secretaria xeral de Medios, Mar Sánchez Sierra. Agresiva no fondo, porque na superficie todo se facía de maneira discreta e dando a calada por resposta. 

Isabel Díaz Ayuso e o seu xefe de gabiente Miguel Ángel Rodríguez con whatsapps moi duros contra xornalistas
Isabel Díaz Ayuso e o seu xefe de gabiente Miguel Ángel Rodríguez con whatsapps moi duros contra xornalistas | Fonte: El Diario

CANDO TE QUEREN TRITURAR

Miguel Ángel Rodríguez chega ao máis alto da súa carreira como voceiro do goberno de Aznar en 1996 e foi nesa época cando, en referencia aos 18 anos da Constitución, comparou a “maioría de idade” da Carta Magna con “la puesta de largo de una señorita de 18 años”. Tamén daquela ameazara con meter na cadea a Antonio Asensio, presidente do Grupo Zeta, por intereses empresariais sobre a retransmisión do fútbol en cadeas de pagamento. De onde vén esa maneira de actuar de quen se debe supoñer un certo tacto cos media?

Rodríguez ten grande influencia e poder no abano de medios da dereita en Madrid, onde o goberno autonómico reparte máis de 20 millóns de euros entre diferentes empresas mediáticas relacionadas coa dereita. “O seu anoxo vén de non ter influencia directa sobre eldiario.es, vese limitado e usa o xogo de poder ou senón a ameaza directa” di o xornalista de El País, Xosé Hermida. “En tal caso, o medio fixo o correcto denunciando as ameazas publicamente, ademais, cando Rodríguez envía a conversa ao programa de Risto Mejide para min é como unha fuxida cara adiante”.

“Non é normal tanta crueza, as presións poden exercerse de mil maneiras sen deixar pegadas, como?, negando publicidade, retirando patrocinios ou entorpecer informacións” relata Fernando Varela, redactor xefe de InfoLibre.es. Con todo, o sucedido demostra que “aínda hai medios independentes e capaces de darlle resposta” a actos como o sucedido en Madrid. “Isto é unha ameaza directa a unha periodista, unha ameaza ao medio e un ataque directo contra o dereito á información que ten a cidadanía” di Agustín Yanel, secretario xeral da Federación de Sindicatos de Periodístas de España. “Neste caso pasaron os límites enviando esas ameazas directas por whatsapp deixando pegada”

Mar Sánchez Sierra e Nuñez Feijóo
Mar Sánchez Sierra e Nuñez Feijóo

En Galicia casos así déronse con frecuencia durante a época Fraga e co seu conselleiro de Cultura e Comunicación Social, Xesús Pérez Varela. “Si eran chamadas ameazantes, logo ese 'estilo' foi moi copiado por políticos locais, ás veces funcionaba e outras non” explica Paco Sarria, actual decano do Colexio Provesional de Xornalistas de Galicia. A maioría dos medios son empresas privadas e sobre elas sempre paira a conta de resultados porque “xa sabemos como están os medios en Galicia: cun pé dentro e outro fóra, á parte, se existen estes comportamentos é porque xa existían na historia recente da democracia”.

OS MESMOS MÉTODOS EN GALICIA?

Paco Sarria apuntaba aos métodos da época Fraga para o control dos medios en Galicia, un “microcosmos” mediático onde existe unha importante concentración de medios, algúns con máis dun século de vida. Foi o diñeiro público saído da Xunta o condicionante das liñas editoriais de cada medio influíndo sobre que publicar e como. “Durante anos cubrín a información política e parlamentaria cando estaba en La Voz de Galicia, e unha vez fun chamado a capítulo por unha información que non lle gustara a Fraga” describe Fernando Varela. “Finalmente non houbera consecuencias sobre a miña persoa”.

A chegada de Feijóo foi unha volta máis poderosa sobre o sistema. A que acabou sendo a súa secretaria xeral de Medios, Mar Sánchez Sierra, tivo nas súas mans o reparto de fondos públicos sobre os diferentes medios en Galicia. Foi o seu comportamento igual ao de Rodríguez en Madrid? “Primeiro está o carácter de cada persoa e no caso de Mar Sánchez a maneira de actuar e máis sutil, certo que tiven discusións con ela, mais sen pasar os límites” apunta Xosé Hermida.

Volvendo ao panorama mediático galego, o número de cabeceiras de papel con máis presenza suman oito en total. “Ningunha delas podería sobrevivir sen axudas públicas, esta é unha maneira de presionar para que baixen o ton e si se ten usado a ferramenta económica contra eses medios” di Hermida. “Se a UE mirase con lupa como se reparte en España diñeiro público a medios privados acabaría escandalizándose” di Fernando Varela. Debería repartirse diñeiro público a medios privados co risco de seren despois presionados polos poderes políticos? “Hai empresas que fabrican outros produtos, e reciben ese diñeiro público, mais neste caso é necesaria a transparencia e non deixar a distribución arbitraria en mans dun político” di Varela. O sistema ideado na época Fraga foise perfeccionando durante o período Feijóo e agora falta ver como será durante a lexislatura Rueda.

CRTVG

Por outra parte, sen saír de Galicia, está a cuestión da CRTVG onde os equipos de diversos programas deixan clara a súa postura contraria á política informativa do medio público. “É un escándalo porque desde a mesma Xunta están ignorando unha lei que eles mesmos aprobaron en 2011 e que ademais é modélica”, aínda así os “Venres Negros” da CRTVG, con máis de trescentas semanas, continúan reivindicando un estatuto profesional e un Consello de Informativos.

A creación dun estatuto que defendese os intereses dos profesionais dos medios e o dereito á información foi unha solución presentada polo Foro de Organizacións Periodísticas. Primeiro presentouse como Estatuto do Xornalista Profesional, fora rexistrado po Izquierda Unida e logo o Congreso rexeitou a súa tramitación, máis tarde “volvemos presentar o texto con modificacións e baixo a denominación Ley Órganica al Derecho a la Información de la Ciudadanía, tamén foi rexeitado polo goberno do PSOE con Zapatero, que non lle interesaba por non enfrontarse aos grandes grupos mediáticos” di Agustín Yanel.

A presión sobre os medios é unha práctica moi estendida aínda que a súa visibilización normalmente non transcende. Só en casos excepcionais pode saltar unha ameaza fóra de control e feita sen contar coas consecuencias da mesma. En realidade, o uso da publicidade, do diñeiro público e o peche de portas mediáticas así como os “avisos” son as maneiras máis recorridas por quen busca un determinado comportamento dos medios. Así mesmo, todos os profesionais consultados apuntan a non ceder, buscar o apoio do medio e denuncialo ante os organismos profesionais e se é necesario, ante os tribunais. Por outra parte, a precariedade laboral e a falta de interese das empresas polos seus e as súas traballadoras fan que sobre estes últimos paire a sombra de silencialos cambiándoos de sección ou directamente sendo despedidos. 

Isabel Díaz Ayuso/EP/ ALEJANDRO MARTÍNEZ
Isabel Díaz Ayuso/EP/ ALEJANDRO MARTÍNEZ
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Gamela

Demasiado tempo tragando e calando, e neste asunto semella que todos temos responsabilidade por acción ou por omisión... A vía xudicial neste país semella un camiño imposible cando falamos de Grupos Mediáticos que fan o que lles peta e poden recurrir ata o infinito, ou cando falamos de Admón Pública que ten á avogacía do Estado á súa disposición e recurre ata a Supremo sen que ningún particular poda manter un pleito sen arruinarse... (?) Pero somos todos os que calamos cando a Prensa Abusa da Cidadanía ! http://www.galiciaconfidencial.com/... Amén

2 Moine

Que novidade, o PP é um partido neo-fascista! Este partido foi criado por franquistas, e dizer: fascistas.

1 Moine

Que se pode agardar dos neo-franquistas; isso som os pepeiros. Ou esquecemos a Gurtel e demais falcatruadas feitas polo PP.