A Catedral de Santiago conclúe a reordenación do espazo da capela das Reliquias e o Panteón Real

Un lugar "de gran importancia histórica e artística no conxunto catedralicio" e que forma parte do percorrido da visita do Museo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2024 | Actualizada ás 16:15

Comparte esta noticia

A Fundación Catedral de Santiago concluíu os traballos de reordenación museográfica do espazo sacro formado pola capela das Reliquias e o Panteón Real, un lugar "de gran importancia histórica e artística no conxunto catedralicio" e que forma parte do percorrido da visita do Museo.

En concreto, a Fundación Catedral, a través da Casa da Fábrica, realizou o proxecto de reordenación museológica e museográfica, que permitiu renovar a cartelaría e outros elementos expositivos, e instalou un novo sistema de iluminación, máis artístico e eficiente, a partir dun proxecto de Ignacio Valero, quen dirixiu o novo sistema de iluminación da basílica xacobea, realizado en 2020.

De maneira paralela, e grazas á colaboración da Deputación da Coruña, a través dos seus premios sobre o Reino Medieval de Galicia, púxose en marcha un proxecto de posta en valor e difusión do Panteón Real. En concreto, editouse un libro, preparado a modo de catálogo con textos de varios autores expertos, e un folleto para o público visitante. Tamén se programou unha páxina web (panteonrealdecompostela.gal), á que tamén se pode acceder desde a propia web do Museo (museocatedraldesantiago.gal). Ademais, realizáronse un total de nove vídeos divulgativos, pensados para a súa publicación en web e en redes sociais. O programa completouse cun proxecto educativo, orientado tanto a escolares como adultos.

A capela das Reliquias é un dos espazos máis singulares da Catedral de Santiago. Desde o século XVI alberga o coñecido como Panteón Real, por reunir nela unha serie de enterramentos de reis e personaxes influentes do Reino Medieval de Galicia.

Neste espazo están os sepulcros de Fernando II (1137-1188) e Afonso VIII (IX) (1171-1230). Xunto a eles está a Raíña Berenguela (1108-1149), nai de Afonso VII, a quen Xelmírez coroou rei de Galicia en 1111, cando apenas tiña 7 anos de idade. Tamén están enterrados o conde de Galicia, Raimundo de Borgoña (1065-1107), esposo de Urraca, filla de Afonso V, a quen sucederá no trono (aínda que hai estudosos que opinan que este sepulcro corresponde realmente ao infante Fernando, fillo de Afonso VIII) e o Conde de Traba, Pedro Froilaz (1075-1126), quen foi escollido para educar a Afonso VII. Por último, no Panteón Real xace Xoana de Castro, dama nobre galega que chegou a ser raíña de Castela polo seu matrimonio con Pedro I e que faleceu en 1374.

Panteón Real da Catedral de Santiago.. CATEDRA DE SANTIAGO
Panteón Real da Catedral de Santiago.. CATEDRA DE SANTIAGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta