Uns 200 palcos de música construídos en Galicia nas últimas tres décadas do século XX, catalogados

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) dará conta dos resultados do proxecto 'Palcos. Cultura material e festa na paixagem rururbana galega' este sábado nunha xornada aberta ao público en Vedra (A Coruña), unha investigación que, polo momento, conta con 200 palcos de música catalogados construídos entre 1970-2000 por todo o territorio galego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2024 | Actualizada ás 15:30

Comparte esta noticia

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) dará conta dos resultados do proxecto 'Palcos. Cultura material e festa na paixagem rururbana galega' este sábado nunha xornada aberta ao público en Vedra, unha investigación que, polo momento, conta con 200 palcos de música catalogados construídos entre 1970-2000 por todo o territorio galego. A investigación, que se iniciou en xullo e está financiada pola Axencia Galega de Innovación, tiña como obxectivo mapear, catalogar e documentar os palcos de forma colaborativa, os cales están dispoñibles para consulta do público xeral a través dunha plataforma web.

"Concíbese como unha xornada de traballo na que, ademais de presentar os resultados da primeira fase do proxecto, haberá espazo para a reflexión e o goce, con senllas mesas redondas e as actuacións musicais de Sheila Patricia e o Quinteto da Escola de Música de Santa Cruz de Ribadulla", avanzou nun comunicado o antropólogo que lidera a iniciativa, Íñigo Sánchez Fuarros. A xornada, que leva por título '(Re) pensar a festa: novas e vellas formas de facer festa', será no Centro de Emprendemento 'A Estación'. Con entrada libre, diríxese a axentes, entidades e persoal de investigación vinculado ao mundo das festas parroquiais en Galicia.

Pola mañá, de 10.30 a 14.00 horas, a xornada articularase como un espazo participativo, por invitación e con prazas limitadas, para que diferentes colectivos traballen directamente con persoas conectadas co mundo da festa en Galicia. Tamén se presentará o proxecto e os asistentes debaterán sobre os temas de estudo. Pola tarde, o público xeral poderá asistir a dúas mesas redondas e á foliada que se prevé para as 19.00 horas.

FASES DO PROXECTO

'Palcos' xa pasou a súa primeira fase de documentación e catalogación mediante a axuda cidadá e inicia agora en marzo unha segunda fase para profundar unha selección de estudos de caso co fin de analizar as dinámicas de cambio e permanencia nas condicións materiais que fan posible a festa. Por último, en marzo de 2025 desenvolverase unha fase colaborativa con 'Xeito | Laboratorio de creación etnográfica' cunha dimensión aplicada que se traducirá na exposición final e na activación dalgún dos palcos en desuso.

Unha investigación cataloga 200 palcos de música construídos en Galicia no últimas tres décadas do século XX
Unha investigación cataloga 200 palcos de música construídos en Galicia no últimas tres décadas do século XX | Fonte: CSIC - ÍÑIGO SÁNCHEZ

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta