Ángeles, camioneira: "Cando vou a empresas conducindo co meu home, pídenlle a información a el"

O Galicia Confidencial segue coa serie de entrevistas con motivo do Día da Muller. Desta volta é con María de los Ángeles González, ex presidenta da Asociación de Transportistas do Parking de Verín (Atraparve), que asegura que, dende que ela empezou na profesión, no 2006, "non houbo moito cambio, todo está igual". "En Francia si vías que había bastantes francesas camioneiras, e mesmo portuguesas, pero en España hai moi poucas", conta a Galicia Confidencial.

Por Ángela Precedo | OURENSE | 04/03/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O oficio de camioneiro continúa a día de hoxe sendo unha profesión case monopolizada polos homes. É moi pouco frecuente ir polas autoestradas e ver a unha muller conducindo un camión de mercadorías, pois case sempre son homes. De feito, no mundo dos transportistas as mulleres sempre están detrás, como secretarias ou levando a contabilidade nos almacéns das empresas. Antes quizáis fose un oficio que requirise de forza física, mais a día de hoxe, coa última normativa (pola que tanto loitaron dende o sector) que obriga aos cargadores a cargar e descargar a mercancía, protexendo aos camioneiros de que teñan que facelo eles mesmos, como antes lles pedían nalgunhas empresas. Os camións, ademais, cada vez son máis modernos e fáciles de manexar. Entón, dende Galicia Confidencial preguntámoslle a María de los Ángeles González, ex presidenta da Asociación de Transportistas do Parking de Verín (Atraparve), por que cre ela que aínda a día de hoxe segue a ser un oficio no que escasean as mulleres, e tamén aproveitamos para coñecer a súa historia.

Anxos González, xunto a un dos seus camións
Anxos González, xunto a un dos seus camións | Fonte: Cedida

María de los Ángeles (ou Anxos, como lle gusta que lle chamen), nace entre rodas, literalmente. "Eu no oficio comecei xa dende nena, xa meu pai era condutor de autobús e despois tivo un camión e, por circunstancias da vida, tamén me casei cun camioneiro", conta. Ela comezou tendo outro traballo pero "houbo un momento no que na empresa familiar precisabamos contratar un traballador e valoramos que puidese facelo eu, porque ao ser autónoma este traballo permitíame ter un pouco máis de flexibilidade á hora de estar na casa ou fóra". Así arrincou a súa aventura e, aos seus 54 anos, leva na profesión xa 18 anos, dende o 2006, polo que se pode dicir que viu un pouco como foi a evolución do sector.

"SÓ HAI ENTRE UN 2 E UN 5 % DE CONDUTORAS, PERO SUMANDO SECRETARIAS E XESTIÓN DE ALMACÉNS DIN QUE HAI UN 25 % DE MULLERES NO SECTOR"

E, aínda que lle gustaría poder dicir o contrario, "non houbo moito cambio daquela a agora, todo está igual" no que ten que ver coa introdución de mulleres no oficio. "Ao comezo fixemos moita ruta internacional, por Francia e Italia, e en Francia si vías que había bastantes francesas camioneiras, e mesmo portuguesas, pero en España hai moi poucas", explica Anxos. De feito, aporta uns datos: "Na reunión que tivemos coa federación no mes de xullo falábase de que había entre un 2 e un 5 % de mulleres camioneiras, moi pouquiñas, aínda que logo a cifra inflábase ata un 22 ou 25 % porque se incluía dentro do sector a mulleres que se adican a traballos administrativos ou de xestión de almacéns, pero non eran condutoras, o que facía que eses datos de mulleres na profesión non fosen reais ao 100 %".

Así as cousas, Anxos asegura que "todo está igual dende que eu comecei, non houbo avances e ningún tipo, ou polo menos iso é o que eu sinto e como me sinto dentro da profesión". Ademais, as poucas mulleres que como ela están dentro do sector, síntense menosprezadas. E pon o exemplo de que "eu co meu marido facemos moita condución en equipo, e vamos os dous ás fábricas a descargar e cargar, e se vou conducindo eu o camión xa non é a primeira vez que ao mellor a persoa que está na garita e che ten que pedir información vai directamente a pedirlla ao meu marido, entón eu quédome como 'pero se vou eu aquí conducindo, pídeme a min a información, que eu pódocha dar igual ca el'". A iso suma "comentarios e xestos" que tivo que aguantar doutros compañeiros, aos que aprendeu a facerse inmune: "Aprendes a pasar un pouco de todo, porque se non teríaste que estar pelexando a todas horas e chega un momento que xa pasas".

"HAI CARENCIA DE CONDUTORES DE POR SI POLA DIFICULTADE PARA CONCILIAR"

Ao preguntarlle por que cre que aínda non hai mulleres que se animen co camión, cre que non ten nada que ver coa forza, porque, "antigamente, si que facía falta moita forza, porque eu acórdome de meu pai, cando tiña aínda aqueles camións que tiñan a barra descuberta e tiñas que botar os arquillos e as lonas que pesaban moito á man". Con todo, "a día de hoxe non é así, porque hai traballos que podemos facer as mulleres perfectamente sen empregar a forza, xa que coas gabarras as lonas córrense soas e a maioría das cargas só tes que acuar un resorte, ademais de que os camións son moito máis sinxelos de conducir". Por outra parte, asegura que "tampouco temos que cargar nin descargar" a partir da entrada en vigor da normativa fai un par de anos. Por iso, para ela ten máis que ver "cun problema de conciliación familiar".

Aínda así, Anxos considera que "o sector xa ten carencia de condutores de por si, sexan homes ou mulleres". No caso das mulleres, apunta a que "eu creo que tampouco lles chama a atención este mundo", algo que ao mellor tampouco lle tería pasado a ela se non fose porque "me criei cun volante nas mans, souben dos camións dende que teño uso de razón, o cal xa me motivaba un pouco máis". Tratando de buscar a algunha outra muller da súa contorna transportista, vénlle á cabeza unha rapaza da Rúa, á que "lle pasou como a min, dende moi pequeniña os seus pais e irmáns andiveron nos camións e ela tamén se animou". Aparte dela, "muller que diga eu que lle pode gustar ou sentirse atraída polo sector do transporte como pode habelas interesadas por ser maestras ou enfermeiras, pois non".

"FUN XA TRES VECES A RENOVAR O CAP E NUNCA ME ATOPEI UNHA MULLER"

Tampouco durante a súa etapa na autoescola atopou mulleres, "eran todo homes". "E mesmo hoxe, que cada cinco anos temos que renovar o Certificado de Aptitude Profesional (CAP) inicial que nos dán, atópome só con homes, e mira que xa o levo renovado tres veces e nunca me atopei unha muller", conta Anxos, que tamén recoñece que ao final "é unha profesión moi dura". Durmir no camión, pasar tantas horas fóra da casa e non ter sempre as condicións de descanso que che gustaría son hándicaps da profesión que xa moita xente non quere aguantar, "nin sequera homes, porque os homes tamén queren estar na casa". Dende o seu punto de vista, "a profesión precisa un cambio de enfoque, e que eses viaxes tan longos de pasar cinco días fóra da casa se rematen e non se pasen máis de dous días, como moito, fóra da casa, para poder estar cos fillos e coa parella e ter unha vida normal e corrente, como a que pode ter un carpinteiro, un albañil ou un fontaneiro".

E xa preguntándolle por como nun mundo de homes conseguiu chegar a ser presidenta dunha asociación de transportistas, Anxos confesa que "non tiñan moita alternativa tampouco, tiveron que quererme si ou si". "A nosa asociación aquí en Verín costounos moito facela e, unha vez que o antigo presidente dimitiu, eu planteeime non deixar que isto se fose abaixo", conta, afirmando que "tampouco quería que me fose nisto a miña honorabilidade nin o meu traballo, porque eu considero que traballei moito para a asociación e non fun valorada". Precisamente por iso o deixou e, agora mesmo, "temos a sorte de ter relevo á fronte de Atraparve", pero o novo presidente, dende outubro, volve ser un home, como non semella de estrañar, porque, como di Anxos, "este sector non hai por onde collelo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta