Ana Pontón márcase como prioridade negociar co Estado unha intervención pública de Alcoa

Para "garantir a actividade e os postos de traballo" nunha empresa "estrategica" tanto para a comarca como para Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/02/2024 | Actualizada ás 15:32

Comparte esta noticia

A candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, arrincou este martes a xornada de campaña cun mitin en Burela, no que asegurou que unha das súas prioridades se chega ao Goberno galego será negociar co Estado a intervención pública de Alcoa para "garantir a actividade e os postos de traballo" nunha empresa "estrategica" tanto para a comarca como para Galicia. "Necesitamos maior actividade económica, recuperar sectores produtivos e captar industria, non podemos permitirnos o luxo de perder o que temos", dixo Pontón, que apelou a unha "mobilización masiva" o 18F para "encher de votos ao BNG" as urnas.

Entre as medidas que os nacionalistas propoñen para A Mariña, a candidata apostou por liberalizar o dique norte de Alcoa e dar a San Cibrao unha autoridade propia, dado que Lugo "é a única provincia marítima con porto de interese xeral que non ten autoridade portuaria propia". Ana Pontón tamén se comprometeu a traballar pola conectividade da Mariña no ámbito das infraestruturas e, máis concretamente, a reactivar a construción da Vía de Altas Prestacións San Cibrao-Ferrol, que "acumula décadas de atrasos", así como a facer do FEVE "un auténtico servizo de proximidade para comunicar e vertebrar toda a comarca".

No ámbito pesqueiro, comprometeuse a negociar co Estado a retirada dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo, xa que "encher os caladoiros de eólicos suporía un golpe de morte para o sector".

O "VOTO DO CAMBIO"

Durante o mitin, Ana Pontón apelou a que "ningún voto do cambio quede en casa" o vindeiro domingo, dado que "está ao alcance da man gañar un futuro mellor e empezar a construír unha Galicia en grande" e comprometeu que un Goberno galego presidido por ela terá "as mans libres para defender os intereses do país".

Por iso, a candidata do BNG apelou aos votantes independentemente da súa adscrición política. "Quero dicirlles que son a súa candidata, non importa o que votasen noutras eleccións, hai moitas maneiras de sentirse galego e todas son necesarias para pór en marcha a Galicia que soñamos e que merecemos", resumiu.

Para a candidata do BNG, tras 43 anos "con seis presidentes, todos homes e todos de forzas estatais", a Galicia "vaille a ir moito mellor cunha presidenta do BNG", polo que pediu aos galegos "a oportunidade de demostralo".

Para Pontón, o 18F "só hai dúas alternativas": "ou seguir ancorados no pasado co PP de Alfonso Rueda, que mesmo deixa unha Galicia máis pequena, ou abrir un tempo novo cunha presidenta nacionalista capaz de mellorar a vida das persoas e cun proxecto para construír unha Galicia en grande".

Ana Ponton, durante o mitin en Burela.. ARXINA
Ana Ponton, durante o mitin en Burela.. ARXINA | Fonte: Europa Press

Desta maneira, a portavoz nacional do BNG mostrouse "convencida" do que os galegos optarán o próximo 18 de febreiro por "abrir un tempo novo da man" da formación nacionalista e situou despois do domingo electoral o momento de "falar e avanzar noutras posibilidades".

Así respondeu este martes de Entroido, en que o seu 'BNGtour' fixo parada no Entroido de Verín, ao ser preguntada pola postura de Democracia Ourensana (DO) de que este partido estaría disposto a falar con calquera formación que estivese en condicións de gobernar na Xunta e de que a formación de Gonzalo Pérez Jácome, goberno local contra o que se situou o Bloque nas pasadas municipais, mencionase explicitamente á formación nacionalista.

"Nós, sobre todo, confiamos en que os galegos, o próximo 18 de febreiro, van apostar por abrir un tempo novo. Eu estou a ver nesta campaña que hai moita emoción e ilusión como nunca; o que estamos a sentir é moi potente, hai un camnbio na sociedade que vemos que vai crecendo e unha ilusión que vai crecendo e estou convencida de que o próximo 18 de febreiro, os galegos van apostar por abrir un tempo novo da man do BNG", salientou.

Así as cousas, a candidata á Presidencia da Xunta situou que, tras a votación do domingo que vén, "será un momento pois de falar e avanzar noutras posibilidades".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta