Xeografía, unha ciencia máis aló dos mapas

As aplicacións da xeografía van moito máis alá das aulas de institutos, das facultades e dos grupos de investigación. A ordenación do territorio, a organización do mesmo, o deseño de mapas para redes de electrificación, alcantarillado e outras infraestruturas importantes necesitan dos estudos de xeógrafos para poder integrar esas construcións dentro do medio onde se inserirán. Por iso existe unha necesidade de explicar que é a xeografía como elemento práctico e non só académico.

Por Moncho Mariño | Santiago | 18/02/2024 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A maioría das persoas entenden a Xeografía como unha cadeira impartida na escola e no instituto coa que se aprenden os “accidentes xeográficos” e de aí en diante pouco máis. Porén, a Xeografía como ciencia aplicada é unha ferramenta para poder realizar traballos de enxeñería, construír infraestruturas, organizar e ordenar o territorio así como comprendelo, todo isto en conxunción con outras disciplinas. Tamén é unha disciplina que permite o estudo global dun espazo para analizar diferentes fenómenos e avaliar posibles consecuencias dos mesmos. Un exemplo serían os estudos realizados polo Grupo Intergubernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC, siglas en inglés) da ONU que aportan desde 1988 análises sobre a incidencia do cambio climático sobre a vida no planeta. Moito máis cerca, os xeógrafos planifican mapas para elementos tan comúns como o alumado público, as redes de recollida de lixo ou o saneamento público.

Mapamundi antigo
Mapamundi antigo | Fonte: wikipedia

QUE É A XEOGRAFÍA E QUE APLICACIÓNS TEN?

A xeografía é unha ciencia que estuda a diversidade do mundo (diversidade de conxuntos humanos e diversidade de lugares), esta é unha das definicións porque outra definición é o estudo das relacións entre persoas e outros seres vivos dentro dun medio (medioambiente). Estas dúas definicións afastan a xeografía da idea “clásica” como cadeira que só servía para encher currículo académico aprendendo definicións de termos como río, montaña, val ou aprender a interpretar gráficas de pluviosidade, pirámides de poboación ou operacións para calcular a densidade de seres humanos que viven nun espazo delimitado.

A realidade é moi diferente pois as aplicacións prácticas que poden desprenderse da Xeografía son varias e importantes, por tanto, non só existe unha saída profesional no mundo da educación, hai varios camiños por onde poden circular os e as xeógrafas. “A maior parte do estudantado que acaba a carreira non está traballando na educación, fano en áreas como a ordenación e organización do territorio ou no urbanismo, é dicir, traballando espazos” di Valerià Paül Carril, xeógrafo e experto en paisaxe e Ordenación do Territorio.

“A ordenación e organización do territorio buscan a mellora do lugar onde vivimos, así un enxeñeiro é quen planifica a construción dunha estrada mentres que o xeógrafo estuda a relación desa estrada coa contorna” describe Carril. Esta tarefa entra nos diferentes tipos de planificación urbanística como son a planificación agraria e a organización do territorio destinada á protección de determinados espazos.

Viñas, a agricultura é un factor xeográfico para a ordenación do territorio
Viñas, a agricultura é un factor xeográfico para a ordenación do territorio

XEOGRAFÍA COMO FERRAMENTA ANALÍTICA

Se falamos do medioambiente como o espazo que as persoas habitamos e onde desenvolvemos as nosas actividades, tamén se debe falar das consecuencias desa ocupación espacial. Unha das consecuencias é o cambio climático que estaría vivindo o noso planeta e que nos afecta de maneira tanto directa como indirecta.

“Traballar sobre a crise climática e os cambios acontecidos dentro do Antropoceno significa imaxinar e documentar formas de habitar o territorio nun contexto de emerxencia climática” di Brais Estévez, investigador na Facultade de Xeografía e Historia da USC. As investigacións de Estévez dentro grupo de investigación Análise Territorial incluído no Departamento de Xeografía forman parte do “corpus” teórico que a Xeografía está ofrecendo para afrontar os novos retos que se lle poñen por diante á humanidade.

“A pandemia permitiunos ver o mundo como un todo, isto coloca á Xeografía nunha certa relevancia pública e por iso ten a ver coa articulación de políticas e indagacións científicas para abordar condicións de habitabilidade neste planeta” esplica Estévez. Por tanto, os coñecementos recollidos até o día de hoxe se son aplicados con “audacia”, permitirán a supervivencia neste planeta buscando novas maneiras de vivir.

A día de hoxe a Xeografía como carreira non ten por única saída a docencia. Aínda máis, moitos dos estudos realizados sobre saídas laborais colocan aos e ás xeografas en terreos como Axencias de Desenvolvemento Locais, axentes  planificadores da paisaxe e creación de mapas para infraestruturas. Así pois, as saídas e utilidades deste saber son diversas e tamén prácticas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta