Elena Candia esixe ao Goberno que "rectifique" con Altri

Denuncia que a "teima persecutoria" do Executivo central con Lugo é "politicamente equivocada".

Por Europa Press / Redacción | LUGO | 31/01/2024 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

A presidenta provincial do PP, Elena Candia, esixiu este mércores ao Goberno central unha rectificación no seu compromiso coa empresa Altri e a súa planta de biofibras proxectada na localidade de Palas de Rei e acusou ao líder do Executivo central, Pedro Sánchez, de converterse en "unha auténtica máquina de destrución de industria e emprego" na provincia.

Nunha rolda de prensa convocada na sede do partido na capital lucense para "pedir responsabilidades" a PSOE e BNG e solicitar ao Goberno que abandone a súa "teima persecutoria con Lugo", Candia denunciou a ausencia de compromiso do Executivo de Sánchez cun proxecto, o de Altri, "transformador para a provincia".

"O feito de coñecer que Altri segue sen conexión eléctrica para a planta de biofibras fai saltar todas as alarmas e cáusanos unha gran preocupación", manifestou Elena Candia, para acto seguido cualificar como "politicamente equivocada" e "inaceptable desde o punto de vista da responsabilidade" o posicionamento do Goberno en relación á fábrica de fibras téxtiles sustentables.

A cabeza de lista do PP por Lugo para as eleccións autonómicas denunciou a "ausencia de avances" no proxecto que a empresa portuguesa pretende desenvolver en Palas de Rei desde que en xullo de 2022, subliñou, Sánchez asumise o compromiso de levar a cabo "grandes proxectos" na provincia e garantise "o Perte de Altri".

"Pedimos ao Goberno seriedade e rigor. Non se pode falar de reindustrialización e pór en perigo proxectos que cren máis de 3.500 postos de traballo", agregou a presidenta provincial do PP, incorporando, matizou, na devandita cifra, os postos de emprego correspondentes aos traballadores da planta de Alcoa en San Cibrao.

"UN PASO ATRÁS"

Na rolda de prensa convocada polo Grupo Popular lucense tamén participou o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, que cualificou como "un paso atrás" a "falta de compromiso" evidenciada na xornada do martes por parte do Goberno cun proxecto, proclamou, "básico e importantísimo para Galicia".

"A enerxía eléctrica é básica para este proxecto e é unha falta de respecto cara á nosa provincia que a empresa Altri estea a traballar sobre o territorio dunha maneira firme, co compromiso de adquisición da parcela e haxa un desinterese completo e unha desidia enorme por parte do Goberno de implicarse no mesmo", manifestou.

O rexedor do municipio chamado a acoller a planta de biofibras precisou que o proxecto que Altri pretende desenvolver en Palas de Rei, e que conta con "un investimento cifrado en máis de 800 millóns de euros", é un "proxecto tractor" para Galicia, "necesario para a reciclaxe" e "de futuro" para a industria téxtil na provincia.

O PREZO DA ENERXÍA

Ao termo da rolda de prensa convocada para esixir ao Goberno responsabilidades en relación ao proxecto de Altri, a portavoz provincial do PP, Elena Candia, referiuse tamén á situación da planta de aluminio de Alcoa-San Cibrao, en Cervo . Consultada sobre o mecanismo máis idóneo para garantir os postos de traballo na factoría, Candia chamou a atención sobre a importancia de tomar medidas dentro do Estatuto dos Consumidores Electrointensivos para favorecer a redución dos prezos da enerxía.

"Alcoa segue tendo algo sen resolver que é o prezo da enerxía eléctrica. Moito se falou do Estatuto para as empresas electrointensivas. Prometeuse, anunciouse a súa inmediata aprobación, traballouse nun texto e todo quedou en papel mollado. Para ter industrias competitivas é imprescindible un prezo da enerxía que tamén o sexa", reflexionou Candia.

A presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, mostra ao termo da súa intervención na sede do partido
A presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, mostra ao termo da súa intervención na sede do partido | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta