Rueda renova toda a cúpula do Sergas ademais doutros 12 altos cargos

Hai cambios importantes en distintas consellerías.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2024 | Actualizada ás 13:43

Comparte esta noticia

O Consello da Xunta acordou este luns a renovación doutros 16 altos cargos do Goberno presidido por Alfonso Rueda, entre eles a substitución na cúpula do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

O xefe do Executivo galego deu conta destes cambios, que xa se iniciaron as pasadas semanas co nomeamento de novos conselleiros e os cesamentos en altos cargos, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Goberno, na que deu por "practicamente terminada" a remodelación do seu equipo.

En concreto, o Consello nomeou director da nova Oficina de Coordinación Económica, baixo o paraugas da Presidencia, a Juan Carlos Reboredo Nogueira.

Na consellería de Presidencia, Xustiza e Deporte, a ata agora secretaria xeral de Igualdade, Sandra Vázquez, pasará a ser directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias; mentres que, no medio Ambiente, Roi Añón será o novo director de Augas de Galicia, Paula Uría Traba asumirá a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático e Ramón Martínez Boga será director xeral de Calidade Ambiental.

Reunión do Consello da Xunta. DAVID CABEZON @ XUNTA
Reunión do Consello da Xunta. DAVID CABEZON @ XUNTA | Fonte: Europa Press

CAMBIOS EN IGUALDADE

Na Consellería de Política Social, María Quintana será a nova directora xeral de Promoción da Igualdade e Roberto Barba Alvedro asumirá a Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero. A nova directora xeral da Axencia Tributaria de Galicia será Sonia Lafont.

SANIDADE

No caso da Consellería de Sanidade, o Consello aprobou a renovación dos catro principais cargos da cúpula do Sergas, a Xerencia, a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, a Dirección Xeral de Recursos Humanos e a Dirección Xeral de Recursos Económicos, uns postos nos que, tal e como destacou o presidente, increméntase a representación da especialidade en Medicina Familiar e Comunitaria, que teñen dous dos novos responsables.

En concreto, á fronte do Servizo Galego de Saúde sitúase agora o médico de familia José Ramón Parada Jorgal, actual director do distrito sanitario do Barbanza, que substitúe na xerencia a Estrella López-Pardo, nomeada en agosto de 2022.

Así mesmo, cesou no seu cargo como director xeral de Asistencia Sanitaria a Jorge Aboal, que ocupaba o posto desde 2016. No seu lugar, foi nomeado Alfredo José Silva Tojo, médico de familia que ocupaba ata agora o posto de subdirector de Envellecemento Activo, Prevención da Dependencia e Innovación Sociosanitaria da Consellería de Política Social.

A Dirección Xeral de Recursos Económicos do Sergas correrá agora baixo o mando de Amparo Pousada Soliño, ata o momento vicesecretaria xeral na Secretaría Xeral de Presidencia e que entre 2022 e 2023 exerceu como subdirectora xeral de Coordinación e Planificación na Dirección Xeral do Gabinete Técnico da Presidencia. Substitúe a María Jesús Piñeiro Bello.

Finalmente, as renovacións no Sergas complétanse coa incorporación de María del Mar Pousa Cobas como Directora Xeral de Recursos Humanos. Esta funcionaria de carreira traballou na última década como xefa do departamento de Políticas de Persoal da Dirección Xeral na que agora substitúe a Ana Comesaña.


POSTOS DE DIFÍCIL COBERTURA

O Sergas conseguiu incorporar para postos considerados de 'difícil cobertura' a 24 facultativos que non estaban a traballar na sanidade pública galega actualmente, dos que 16 exercían en Suecia, Francia, Portugal e nas comunidades autónomas de Asturias, Cataluña, Madrid e Canarias.

Así se desprende do informe sobre a adxudicación de postos de difícil cobertura nos hospitais comarcais e no ámbito da saúde mental elaborado pola Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas e que foi tratado este luns no Consello da Xunta.

Ao proceso, lembrou a Xunta, presentáronse 827 solicitudes de participación (238 na área de saúde mental e 589 no resto de especialidades convocadas). Despois da publicación do seu nomeamento no DOG incorpóranse 93 profesionais de diversas especialidades a 67 hospitais comarcais e, no ámbito da saúde mental, 44 psiquiatras e 37 psicólogos.

Na actualidade xa tomaron posesión nas súas prazas 98 profesionais nas sete áreas sanitarias (6 en Ferrol, 17 na área da Coruña e Cee, 11 en Santiago de Compostela e Barbanza, 25 en Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, 18 en Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, 14 en Vigo e 7 en Pontevedra e O Salnés).


OFICINA DE COORDINACIÓN ECONÓMICA

Por outra banda, o Consello da Xunta aprobou este luns o decreto para nomear ao economista Juan Carlos Reboredo Nogueira responsable da nova Oficina de Coordinación Económica, con rango de secretario xeral.

O presidente da Xunta lembrou durante a rolda de prensa que esta nova oficina, dependente da Presidencia, encargarase de avaliar proxectos estratéxicos para a economía da comunidade.

No ámbito de Presidencia, a ata agora secretaria xeral de Igualdade, Sandra Vázquez, será a nova directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, un posto no que substitúe a Branca García-Señoráns.

Pola súa banda, á fronte da secretaría xeral de Igualdade queda agora María Quintiana, anteriormente asesora de comunicación do Presidente e responsable de redes sociais; mentres que o novo director xeral de Loita contra a Volencia de Xénero é o xuíz Roberto Barba, que ata agora maxistrado do xulgado de violencia de xénero número 1 da Coruña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta