Alberto Ruano, catedrático: "En xuño os propietarios terán que protexer aos seus traballadores do radón"

Estudos amosan que este gas en altas concentracións aumenta a probabilidade de padecer cancro de pulmón. Galicia, a comunidade máis afectada.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 27/01/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"A partir de xuño de 2024, os empresarios cuxo lugar de traballo esté en zona de risco por altas concentración de radón, terán a obriga de protexer aos seus traballadores se é maior da permitida", afirma Alberto Ruano Raviña, catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC e investigador de CRETUS (Centro de Tecnoloxías ambientais da USC). Con motivo da luz verde do Consello de Ministros ao Plan Nacional Contra o Radón contactamos con este experto do Laboratorio de Radón de Galicia para coñecer todo sobre este gas. 

Mapa da presenza de radón en España
Mapa da presenza de radón en España | Fonte: FUNDACIÓN PARA A SAÚDE XEOAMBIENTAL - Arquivo

Antes de nada, sabes o que é o radón? En definición do experto, é un gas natural, incoloro, inodoro e insípido, froito da descomposición radioactiva das rochas, que está presente na codia terrestre. "Vén, en concreto, da descomposición do uranio, que ao longo dos millóns de anos se vai transformando noutros elementos, un deles é o gas radón. Penetra en espazos pechados ao subir do subsolo a través de fisuras, xuntas mal selladas ou gretas", explica Ruano que enfade que o gas radón ao descompoñerse libera "radiación alfa que é unha radiación ionizante" e ao respirarse durante moitos anos pode dar lugar a desenvolver un cancro de pulmón. No 1987 foi declarado canceríxeno pola Organización Mundial da Saúde.

"O PLAN NACIONAL CONTRA O RADÓN CHEGA SEIS ANOS DESPOIS"

Alberto Ruano comenta que no 2005 se publicou o estudo europeo máis importante sobre o impacto do radón no cancro de pulmón, que incluíu a 21.000 persoas. "Cando os elementos nos que se transforma este gas bombadean á árbore broncopulmonar poden causar alteracións nas células". En base a este estudo, no 2014 publícase a Directiva Europea para a protección fronte a radiacións ionizantes, "moi importante por ser unha lei aplicable a todos os países da Unión Europea". A Directiva marca o límite de risco por radón nos 300 bequerelios por metro cúbicos (bq/m3) en espazos interiores, vivendas ou lugares de traballo. Moi importante quedar con esta cifra á hora de medir o radón. A partir de aí, a Directiva Europea dá de marxe ata febreiro de 2018 aos estados da UE "moitos traspóñeno ao seu ordenamento xurídico, non foi o caso de España". O catedrático afimirma que o Plan Nacional Contra o Radón "debería estar feito en 2018 e chega seis anos despois, neste 2024".  

O Plan Nacional Contra o radón ten diferentes eixos e accións lexislativas. "Unha delas é o código de edificación, en España desde o 2019, toda vivenda que se fai nova debe estar libre de radón. Así como tamén debe comprobarse a concentración naquelas vivendas que teñan unha reforma importante. Porén, prácticamente a totalidade das vivendas galegas xa están construídas, "polo que quedan desprotexidas". Matiza que non é obrigatorio determinar a concentración de radón na transacción ou compravenda de vivendas, aínda que consideran que "sería unha boa medida". 

Investigadores relacionan o radón cun aumento do risco de cancro pulmonar. ENAC - Arquivo
Investigadores relacionan o radón cun aumento do risco de cancro pulmonar. ENAC - Arquivo

O IMPACTO DO RADÓN NO ÁMBITO LABORAL 

Segundo o Consello de Seguridade Nuclear, en España, no 2017, un 17% das zonas de todo o territorio nacional tiñan concentracións altas de radón. No caso de Galicia é a comunidade máis afectada, un 70% do territorio está en risco de ter altas concentracións de radón, seguida de Extremadura (47%) e Madrid (30%). A que se debe? "A que temos un sustrato xeolóxico granítico predominante e non é o mesmo en todo o territorio, depende de cada zona. O 18% das vivendas nas que medimos o radón superan os 300 bq/m3". Para saber se onde vives é unha zona de risco está actualizado o mapa de radón coa provincias máis ou menos afectadas. Lugo é na que menos risco hai, seguida de A Coruña e Ourense e Pontevedra, as máis afectadas. Sobre todo o gas concéntrase en plantas baixas ou edificios históricos. 

Alberto Ruano realizou con outros actores o estudo Radon exposure and its influencing factors across 3,140 workplaces in Spain, que inclúe medicións de radón entre 2015 e 2022 en 3140 lugares de traballo, ubicados en 253 centros. "Observamos que ao redor dun 20% dos lugares superaban a referencia de 300 qb/m3 e a maior parte estaban localizados en Galicia". 

Neste punto retomamos á cita do inicio, xa que, tal e como nos expón Ruano: "O BOE indica que en xuño de 2024 xa será obrigatorio que os propietarios, titulares da actividade laboral, terán que asegurarse que os seus traballadores non extán expostos ao radón no ámbito de traballo, sobre todo se están na Galicia de zona de risco, planta baixa ou baixo rasante". Por isto, terán que medir e no caso de superar os 300 qb/m3 terían que "remediar e comprobar se funcionou". De non facelo, o catedrático di que se exporían a unha "inspección de traballo ou a sancións".

O que máis lle preocupa neste sentido é que ao final para o propietario dunha "perruquería que traballa só nun baixo" non lle supón o mesmo gasto remediar as concentracións de radón que á empresa na que "hai máis de 50 traballadores nunha nave" porque "ten máis recursos económicos para solucionar o problema". Sinala Ruano que en países como en Finlandia, esa persoa que traballa soa non estaría obrigada porque a exposición dos clientes sería mínima por tempo de servizo. 

Investigadores da USC relacionan o radón cun aumento do risco de cancro. USC
Investigadores da USC relacionan o radón cun aumento do risco de cancro. USC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Don Pimpón

Habería con contrastar co outro grupo dentro da USC, Radonlab todo este alarmismo.