Reactivan a Mesa Local contra a Violencia de Xénero de Santiago

Reúnese por primeira vez en cinco anos.

Por Europa Press / Redacción | | 18/01/2024 | Actualizada ás 13:43

Comparte esta noticia

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, presidiu este xoves a Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero, que se reúne por primeira vez no últimos cinco anos. Xunto á alcaldesa, tamén atendeu aos medios a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, que participa, así mesmo, na reunión.

Para Sanmartín é unha "boa noticia" que se reactive a mesa local, creada en 2018 e que celebrou dúas reunións, a última fai cinco anos. "Por tanto, isto é como unha recuperación, reactivación, volta a pór en funcionamento unha mesa que desde a nosa perspectiva é fundamental para colaborar entre as distintas administracións, con todo o tecido asociativo, corpos e forzas de seguridade, con xulgados, e con xente do mundo sanitario", explicou.

En resumo, continuou, "con todo o que ten que dicir algo, non só na loita contra a violencia de xénero de maneira directa, senón tamén en todos os labores de prevención que son absolutamente necesarias e imprescindibles".

Na reunión, analizarán todos os datos solicitados durante 2023. "Coincide que ademais levamos unha semana realmente difícil para Santiago, onde houbo tres casos de violencia de xénero, así que entendemos que toda a sociedade sabe que é máis necesario que nunca que haxa esta mesa de coordinación local", apuntou a alcaldesa.

A este respecto, avanzou que a proposta municipal, a falta de que o aprobe a mesa, é que se cren dúas comisións de traballo: unha orientada fundamentalmente á prevención no ámbito educativo e social, e outra co persoal técnico das distintas administracións dos corpos policiais, de todo o que é o mundo da avogacía, o xurídico e o sanitario con persoal técnico. A idea é que estas comisións se reúnan unha vez cada dous meses. Tamén darán conta do protocolo de abordaxe de comportamentos e condutas LGBTIfóbicas, aprobado en decembro e que xa comezou a funcionar.

Pola súa banda, María Rivas agradeceu ao Concello o "impulso" á mesa de coordinación por ser unha ferramenta "fundamental" na loita contra a violencia machista. "Temos a moitas mulleres mirando cara a nós nesta provincia, temos a 2.200 mulleres que teñen algún tipo de protección para poder facer a súa vida con certa normalidade. Por tanto, para nós, esas son 2.200 razóns para seguir traballando incansablemente para mellorar a coordinación entre os diferentes actores, as diferentes administracións que teñen capacidade de actuación nesta materia", defendeu.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, en rolda de prensa
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, en rolda de prensa | Fonte: CONCELLO DE SANTIAGO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta