Só o 8 % das novas televisivas céntranse en deportistas femininas, aínda que o Mundial de fútbol aumentou a cobertura

A retransmisión da Copa do Mundo feminina de fútbol foi clave no aumento da cobertura do deporte protagonizado por mulleres e, por ende, no aumento do interese no público. De 2022 a 2023, competicións como a Superliga Feminina viron incrementado o seu público ata nun 80 %.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 19/01/2024 | Actualizada ás 21:25

Comparte esta noticia

Pasan os anos e, afortunadamente, vemos un cambio notable na percepción sobre os roles de xénero, favorecendo que as mulleres foran gañando terreo en áreas ata o de agora dominadas por homes, como son o deporte e o xornalismo deportivo. Históricamente, os deportes femininos experimentaron unha cobertura mínima ou nula, un feito propiciado por diferentes casuísticas. Esta dificultade, entre outras, xerou unha escasa visibilidade no deporte feminino ao longo dos anos, facendo crer ao público que non se emitía porque non interesaba.

Deportista feminina
Deportista feminina | Fonte: Freepik

A crecente presenza de mulleres no xornalismo deportivo é un fenómeno que reflicte cambios significativos na sociedade e na industria dos medios de comunicación. Paralelamente, os fitos que as deportistas foron conseguindo nos últimos anos tamén permitiron darlles máis visibilidade e normalizar, cada vez máis, as novas centradas nelas. 

De feito, no 2023, o 41 % da poboación mundial viviu con grande entusiasmo o Mundial de Fútbol feminino, un gran cambio respecto ao do ano 2019, que foi seguido por un 34 % das persoas, segundo datos de The Nielsen Company. Así mesmo, o interese pola Superliga feminina aumentou nun 81 % entre o 2022 e o 2023. Esta evolución recórdanos e demostra que, por fin, a audiencia está recoñecendo e valorando cada vez máis os logros e as habilidades das mulleres no deporte.

Marc Armengol, CEO de Unisport, a primeira escola de negocios do sector deportivo, destaca que "a presenza positiva de mulleres no ámbito deportivo non só beneficia á industria, senón que tamén supón un cambio cultural e social en termos de equidade". Cambios que, non só se limitan á presenza das mulleres en medios de comunicación, senón que tamén se abordan no sector educativo. En Unisport, por exemplo, contan cun 33 % de alumnas, cifra que foi aumentando, e que se prevé que continúe crecendo nos vindeiros anos.

O CAMIÑO CARA A INCLUSIÓN FEMININA NO DEPORTE

A pesares dos cambios sociais que se están producindo no ámbito deportivo, non se pode negar que aínda quedan importantes desafíos no camiño cara a plena igualdade. A presenza limitada das deportistas nos medios de comunicación é un fenómeno preocupante. Un estudo do Consello Superior de Deportes (2023), revela que só o 8,2 % das novas de televisión e só o 15 % das pezas informativas de radio se centran en deportistas femininas.

"É preciso seguir abordando unha serie de desafíos clave a través de inversións máis equitativas, promoción activa e cambios na percepción cultural para lograr unha cobertura e interese máis xusto e completo dos deportes femininos nos medios de comunicación. A conciencia, a educación e a acción colectiva son esenciais para impulsar este cambio e promover unha representación máis xusta no mundo do deporte", aseguran dende Unisport. A presenza de figuras destacadas no deporte feminino pode inspirar a máis persoas a seguir apoiando estes eventos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta