Un axente vigués ferido no procés cobrará as vacacións non gozadas por incapacidade

Así o dictamina unha resolución do TSXG.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 11/01/2024 | Actualizada ás 12:04

Comparte esta noticia



A sección primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) recoñeceu o dereito dun policía de Vigo a que se lle abone a compensación económica polas vacacións non gozadas por incapacidade temporal, entre o 1 de xaneiro e o 19 de novembro de 2020, e posterior xubilación por incapacidade permanente.

Segundo recolle a sentenza, o axente sufriu un traumatismo cranioencefálico nos disturbios sucedidos en Barcelona tras a sentenza do procés, sendo incapacitado polas lesións e finalmente xubilado, sen que puidese gozar as vacacións que lle correspondían.

En concreto, estivo de baixa desde o 18 de outubro de 2019, ata que foi xubilado en novembro do ano seguinte, sen poder gozar dos 28 días de vacacións e permisos dos que dispón.

Desta forma, o alto tribunal estimou o recurso interposto polo afectado contra a resolución da Dirección Xeral da Policía, na que se lle denegou o dereito a percibir a compensación económica correspondente aos días de vacacións non gozados.

O TSXG explica que a xurisprudencia comunitaria recolle este dereito e é "suficiente fundamento para acoller a pretensión exposta". Ademais, especifica que, á marxe de que non sexa imputable á Administración a causa pola que o demandante non puido gozar das súas vacacións anuais, "correspóndelle o abono da compensación económica que reclama porque ese dereito non deriva de culpa algunha da Administración, senón dun dereito a recoñecer ao demandante, que non puido gozalas por acharse durante toda a anualidade en situación de incapacidade temporal derivada de acto de servizo".

Os maxistrados tamén indican que non se trata dunha contraprestación polos servizos prestados, "senón que abonda con que o funcionario estea imposibilitado para gozar as vacacións por atoparse en situación de incapacidade temporal en todo o tempo previo á súa xubilación".

Por último, a sentenza sinala que "está fóra de lugar a mención á caducidade das vacacións se transcorren os 18 meses desde a data límite en que podían gozarse, porque no caso presente deveu a xubilación do demandante sen poder gozalas".

O TSXG conclúe na sentenza que han de imporse un máximo de 1.500 euros en concepto de costas á Administración demandada porque cando se expuxo a reclamación administrativa "o Tribunal de Xustiza da Unión Europea fixara un claro criterio favorable á compensación económica que se reclama", do mesmo xeito que o Tribunal Supremo, que "xa ditara a sentenza fixando doutrina de interese casacional". O fallo non é firme, pois cabe interpor recurso de casación.

A sede de Esquerra Republicana de Catalunya en Barcelona, durante o reconto de votos na decisiva xornada de eleccións autonómicas en Cataluña, o 21 de decembro de 2017, trala declaración de independencia e a aplicación do artigo 155 da Constitución
A sede de Esquerra Republicana de Catalunya en Barcelona, durante o reconto de votos na decisiva xornada de eleccións autonómicas en Cataluña, o 21 de decembro de 2017, trala declaración de independencia e a aplicación do artigo 155 da Constitución | Fonte: Miguel Núñez

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta