OZOCOgz, un referente do agasallo cultural, lúdico e en galego

Esta empresa do Carballiño é coñecida por comercializar produto “made in Galiza”. Segundo sabemos por Eladino, un dos creadores da marca, comezaron deseñando motivos para camisolas e agora son referencia en atractivos xogos de mesa cento por cento galegos. O seu ‘Vacaloura’, cun ano de vida, vai xa pola segunda edición.

Por Galicia Confidencial | O Carballiño | 24/12/2023 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Tal como contamos xa nunha completa entrevista realizada no 2019, OZOCOgz naceu no ano 2012 e fíxoo da man de Eladino Cabanelas e Manolo Rodiño pero na actualidade está só Cabanelas ao fronte do proxecto contando unicamente coa axuda inestimable da súa dona. “A Manolo estareille eternamente agradecido pola súa implicación. Probábelmente sen el, hoxe Ozocogz non existiría como tal”, lembraba o noso protagonista daquela.

Vacaloura. Xogo de mesa de OZOCOgz.
Vacaloura. Xogo de mesa de OZOCOgz.

Catro anos despois contactamos de novo con este emprendedor para que nos poña ao día dos produtos que comercializa, para que nos comente cales son os máis exitosos, e incluso lle propoñemos que faga algunha camisola para dedicarlle ao Club Deportivo Arenteiro, club de fútbol de moda na provincia de Ourense. Respecto a isto último, Eladino di que o propio club debería ter o seu propio merchandising mais deixa caer que se nos encargan algún deseño diferente para o Arenteiro non lle imos dicir que non”.

Nadal é tempo de agasallos, notades moito o aumento de vendas nestas festas?

Si, si se nota, como ben dis son datas propicias para agasallar e, quen máis quen menos, todos notamos ese aumento nas vendas con respecto ao resto do ano.

Que produtos dos que comercializades teñen máis saída? 

Camisola 'Sempre en Galiza' de OZOCOgz
Camisola 'Sempre en Galiza' de OZOCOgz

Sen dubidalo os noso xogos, desde que sacamos o primeiro Ti non es de aquí? aló por 2018 fómonos volvendo un referente como agasallo cultural e lúdico.

Algúns clásicos que nunca vos fallan?

Como xa che comentei na pregunta anterior os xogos de mesa, en especial o noso Vacaloura que, dende hai un ano que o quitamos, xa imos coa súa segunda edición.

Que representa a día de hoxe, do total de vendas, o que sae a través da tenda en liña?

Non sabería dicirche, non te creas que é moito. Si, por suposto, hai un bo crecemento con respecto ao mesmo sistema de vendas no resto do ano, porén comparándoo coa venda directa, non supón tanto. Coido que a venda en liña segue a favorecer ás grandes compañías.

Presentades algunha novidade ou novidades este Nadal 2023?

Si, acabamos de sacar un xogo de cartas chamado Galiza no Tempo, é un xogo do estilo liña do tempo no que as e os xogadores deben colocar acontecementos históricos da Galiza na súa orde cronolóxica. Tamén estreamos camisola e suadoiro cun deseño ao que lle puxemos de nome Sempre en Galiza. As dúas cousas tiveron unha excelente acollida na Culturgal de Pontevedra e iso nótase nas vendas que estamos a ter nestas datas.

Sempre apostastes polo produto galego e en galego. Nunca pensastes abrir o mercado a outras linguas?

Contéstoche con rotundidade, non.

Algunha curiosidade de xente non galega que teñades de clientes?

Dende que abrimos a tenda física no Carballiño temos moitas experiencias deste tipo e podo dicirche que máis que anécdotas, que tamén as hai, por suposto, o que si percibimos é que aprecian o traballo de apostar polo galego como esencia, como forma de defender o propio, é máis, son quizais a clientela máis agradecida,

Para cando unha camisola dedicada ao Arenteiro, club de moda en Ourense?

Debo recoñecer que non son nada futboleiro, aínda así coido que o club debe ter o seu propio merchandising e beneficiarse del ao 100%. Iso non quita que se nos encargan algún deseño diferente para o Arenteiro non lle imos dicir que non, por suposto. É moito de agradecer como este club modesto está a poñer O Carballiño no mapa a base de bo facer co balón.

Xogo de cartas 'Galiza no tempo'. OZOCOgz
Xogo de cartas 'Galiza no tempo'. OZOCOgz
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta