Por Galicia Confidencial | Vilamartín de Valdeorras | 22/12/2023 | Actualizada ás 09:00
O Consello Regulador acudirá en febreiro á feira Vinexpo baixo o paraugas da Asociación de Consellos Reguladores do Viño, Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (Acruaga), entidade constituída ao abeiro dun convenio entre as diferentes denominacións de orixe vitivinícolas galegas e a de augardentes e licores e o Igape.
Deste xeito, a promoción dos viños que se realice en París será conxunta coa doutros territorios amparados galegos e apoiada pola Xunta de Galicia, se ben o espazo expositivo común no salón parisino contará con corners específicos para cada un dos consellos reguladores. O prazo para as adegas da comarca interesadas en participar na feira poidan enviar os seus viños ao Consello Regulador permanecerá aberto ata mediados de xaneiro.
Adiantando outros temas, o Pleno do organismo aprobou tamén a celebración da que será a XXV Feira do Viño de Valdeorras no mes de xullo. En concreto, as datas elixidas son o 8 e o 9 de xuño.
Ao remate do acto procedeuse a brindar cun Valdeorras para felicitar as Festas de Nadal.
AUMENTAR A PROMOCIÓN, OBXETIVO CLARO
“A xuntanza plenaria de hoxe evidencia que un dos obxectivos fundamentais do organismo para 2024 vai ser o da intensificación da promoción dos nosos viños e adegas. Á potente campaña que acabamos de presentar, hai poucas semanas, sumarase a nosa presenza en diferentes foros nacionais e internacionais para seguir dando a coñecer os brancos e tintos da nosa comarca entre novos públicos”, destacaba o presidente do Consello Regulador, José Ramón Rodríguez Castellanos.
A Feira do Viño de Valdeorras 2024 chegará ao seu 25 aniversario
Respecto ao evento estrela, a Feira do Viño de Valdeorras, o ano que vén alcanzará o seu 25 aniversario e, segundo refería tamén o presidente do Consello Regulador, "isto merece ser celebrado dun xeito especial, cunha coidada planificación de actividades que iremos comunicando paseniñamente”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.