Rueda rotundo tras o acordo entre PSOE e Junts: "O que pide Cataluña non é o mesmo que o que lle convén a Galicia"

Nega unha fronte ou oposición conxunta con outras autonomías do PP. "Eu seguirei defendendo o que máis lle convén a Galicia", insiste.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 09/11/2023 | Actualizada ás 14:39

Comparte esta noticia

"Os independentistas teñen todo o que pedían e por iso piden autonomía fiscal absoluta e por iso haberá dúas Españas que van camiñar por separado. Pero quen pense que o tratamento que se lle vai dar a Cataluña é o mesmo para todas autonomías pois non está neste mundo". Con esta contundencia despachou este xoves o presidente da Xunta o pacto asinado entre Junts e PSOE para a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno de España. Un acordo que para Alfonso Rueda amosa "o que todos sabían", que "o independentismo consegue todo o que quería e Sánchez o único que quería; seguir no poder, seguir na Moncloa".

Alfonso Rueda, na comparecencia posterior ao Consello da Xunta
Alfonso Rueda, na comparecencia posterior ao Consello da Xunta | Fonte: DAVID CABEZON @ XUNTA

E ese pacto significa que Galicia pode pedir tamén a condonación da súa débeda ou xestionar os seus tributos propios?. O xefe do Executivo galego tamén foi contundente: "o que pide Cataluña polas súa situacións económica non é o mesmo que o que lle convén a Galicia". Así, lembrou que os cataláns teñen un problema de pago da súa débeda que non ten Galicia. Ademais, lembrou que aínda hai negociacións abertas con Euskadi. "Isto acaba de comezar e hai que agardar o que se negocia co País Basco...Pero Galicia pedirá o que mellor lle conveña", insistiu.

NEGA "FRONTE COMÚN"

Neste sentido, Rueda descartou entrar nunha "competición" para ver quen pide máis e rexeitou que vaia pedir o mesmo que os cataláns ou que vaia facer unha "fronte común" con outras autonomías populares para rexeitar este acordo ou pedir medidas análogas. "Teño claro e eu vou defender o que máis lle convén a Galicia e, iso, téñoo clarísimo. Non vai a haber estratexia conxunta porque eu vou pedir para Galicia o que lle corresponde despois de ver o que se lle dá a outros. E seguirei reclamando que se nos dea un trato xusto que é o que lle interesa a Galicia", engadiu.

Tamén descartou que vaia volver pedir unha xuntanda da Comisión de Transferencias para solicitar a cesión a Galicia das 30 competencias pedentes. Así, lembrou que isto xa estaba no acordo asinado na anterior lexislatura entre PSOE e BNG, no que se apuntaba á transferencia da AP-9. "E seguimos sen ese traspaso e o mesmo partido, o BNG, que pactou iso non o quixo apoiar no Congreso", criticou. "Hai unha falta de rigor e cando queiran falar en serio con Galicia pois falaremos en serio. O que se asinou aquí é para branquear o que se fai noutros sitios", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta