Competencia incoa expediente sancionador contra Monbus e Alsa tras o fallo do Supremo

Ábrese agora un prazo máximo de 24 meses e a empresa de Raúl López subliña que "non implica que acabe en sanción".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/10/2023 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

A Comisión Galega da Competencia incoou expediente sancionador contra dúas empresas, Monbus e Alsa, tras o fallo do Tribunal Supremo que inadmitiu os recursos contra a sentenza que determinou a existencia de indicios de repartición de mercado. Son condutas, segundo indica Competencia nun breve comunicado, "que poderían supor unha infracción da lei 15/2007, de 3 de xullo, de defensa da competencia". Así, actúa "en cumprimento da sentenza ditada pola Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en data 10 de marzo de 2023, e do Auto ditado pola Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Supremo o 4 de outubro do 2023".

En consecuencia, a subdirección xeral de investigación da Comisión Galega da Competencia acordou incoar un expediente sancionador contra Alsa Grupo, S.L. e Grupo Monbús polas súas condutas no desenvolvemento da licitación pública, efectuada pola Xunta de Galicia, para a concesión do servizo público de transporte, denominada 'Contrato de concesión do Servizo Público de Transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada (Lotes XG-800 a XG-891), Expediente 1/2020 DXM'. A incoación dun expediente sancionador, advirte, "non prexulga o resultado final da investigación". Ábrese agora un prazo máximo de 24 meses para a instrución do expediente e a súa resolución polo pleno da Comisión Galega da Competencia.

RESPOSTA DE MONBUS


Pola súa banda, Monbus remite ás palabras de Competencia para subliñar que "a incoación dun expediente sancionador non implica que o mesmo finalice coa imposición de sanción algunha, senón que se abre unha fase de instrución (dun prazo máximo de 24 meses) na que se analizarán novamente as condutas das empresas involucradas".

Respecto diso, lembra que "a propia Comisión xa resolveu no seu día a inexistencia de condutas contrarias á competencia". Monbus reitera que "actuou de maneira correcta e axustada á lei en todo momento" e afirma que, "na súa defensa, acudirá en amparo ao Tribunal Constitucional por considerar que a resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia é inxusta".

"Tanto Monbus como Alsa xustificaron amplamente ante as autoridades de competencia correspondentes as razóns polas que concorreron xuntas a algúns lotes do contrato de transporte de Galicia, o que continuarán defendendo e acreditando nesta nova fase de investigación", insiste.

Flota de autobuses Monbus
Flota de autobuses Monbus | Fonte: EP - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta