Fito Ferreiro, da Asociación Palestra: "A gran maioría da xente é bisexual"

Este sábado celébrase o Día Internacional da Bisexualidade. "Na sociedade todo é moi binario: home ou muller, e había que rachar iso para introducir a transexualidade, a xente non binaria... E agora toca rachar co mito da orientación", advirte Ferreiro.

Por Ángela Precedo | A CORUÑA | 23/09/2023 | Actualizada ás 02:14

Comparte esta noticia

O Día Internacional da Bisexualidade, que se celebra este sábado 23 de setembro, representa un novo logro no avance por normalizar socialmente ao colectivo LGTBIQ+. Dende Galicia Confidencial falamos con Fito Ferreiro, representante da Asociación Palestra, de cal é a situación actual destas persoas de cara á sociedade, se realmente xa se logrou unha integración e aceptación real por parte das mentes máis remisas ao cambio e se a nova cultura audiovisual está a xogar un papel determinante para que isto sexa así.

Bandeira bisexual
Bandeira bisexual | Fonte: Arquivo

"Algo foise avanzando, polo menos dentro do propio colectivo xa se nos ve como unha letra máis (a B), porque ata o de agora víannos en ocasións como nos ve o resto da xente: indefinidos, que andan de acá para alá", explica Ferreiro. Na súa opinión, "a gran maioría da xente é bisexual, pero si que é certo que a pesar diso na sociedade te atopas con varias discriminacións: parece ser un tránsito dun lado cara ao outro, pero iso non é verdade, pois a unha persoa nun momento dado pódelle apetecer estar con outra de diferente xénero ou sexo e non por iso ser unha viciosa, ti enamóraste dunha persoa, independentemente do seu xénero".

Actualmente, por sorte, a educación tamén está a mudar, e cada vez son máis os pais que non condicionan nos gustos aos seus fillos ou fillas e que lles deixan elixir o seu propio camiño, ser eles mesmos. Por iso, aínda que como di o presidente de Palestra "na educación da escola aínda se debería profundar máis no tema", "entre a xente máis nova a bisexualidade estase normalizando moito". A iso, como indica, contribúen "os libros, os medios de comunión e demais ferramentas que están axudando a que a bisexualidade sexa máis visible e aceptada".

Segundo os últimos datos do Instituto das Mulleres (pertencente ao Ministerio de Igualdade), en España un 12 % das mulleres de entre 15 e 29 anos se define a si mesma como bisexual, fronte a un 6,1 % que afirma ser homosexual. Os datos conclúen que, mentres que os homes tenden a sinalarse como homosexuais ou heterosexuais, as mulleres declaran sentir atracción por ambos sexos cunha maior frecuencia que eles. 

Con todo, nalgunhas persoas ese cambio de mentalidade non está tan logrado, especialmente dentro da xente máis maior. "Sempre hai algunha xente que é retrógrada porque si, e punto, son pedras negras que hai no camiño e que por máis que te esforces non vas poder con elas", lamenta Ferreiro. Aínda así, amósase orgulloso de que "a xente maior, na meirande parte, tamén vai pouco a pouco aceptando as cousas, en canto vai vendo e coñecendo, vai entendendo mellor o que é realmente a bisexualidade".

Pancarta polo orgullo bisexual
Pancarta polo orgullo bisexual | Fonte: Arquivo

O gran problema é que "na sociedade todo é moi binario: home ou muller, e había que rachar iso para introducir a transexualidade, a xente non binaria... E agora toca rachar co mito da orientación, para facer entender ás persoas que non tes por que posicionarte dun lado ou de outro, é dicir, ser heterosexual, gay ou lesbiana, que poder estar fluíndo dun lado para o outro e non pasa nada", di, convencido, o presidente de Palestra. 

Precisamente para axudar a esa xente que aínda non se atreve a afrontalo están as asociacións como Palestra. "Eu creo que aínda hai xente á que lle custa dicilo, por ese estigma que pesa sobre os bisexuais, de que non son persoas decididas, que lles gusta todo, que non son quen de decidirse por unha cousa, cando é todo o contrario: están moi decididas, saben o que queren e onde están", asegura Ferreiro. Ademais, puntualiza que tamén hai persoas transexuais ou non binarias que son bisexuais, "todo flúe".

Nestes momentos esa realidade móstrase especialmente a través do cinema, onde cada vez máis plataformas (como é o caso de Netflix) apostan por películas nas que se representa toda orientación sexual, sen prexuízos. "A cultura audiovisual é unha das armas máis potentes para chegar á sociedade, porque o arte por definición é unha arma de cambio social e está xogando un papel moi importante ao noso favor", conclúe Ferreiro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta