As "fashionarias" Yolanda Díaz e Ana Pontón, os comentarios "machistas" do PPdeG

O BNG pide a Rueda que "desautorice" ao concelleiro do PP que criticou en X a Pontón e Yolanda Díaz como "fashionarias". Yolanda Díaz reitérase no que xa dixo sobre Alfonso Guerra: "En democracia no século XXI todas as críticas políticas son benvidas, pero en democracia no século XXI a vulneración de dereitos e a práctica do machismo rampante do Partido Popular non é defendible".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/09/2023 | Actualizada ás 11:27

Comparte esta noticia

O BNG considerou "intolerable" o "último comentario machista" do PP a través dun tuit nas súas redes oficiais no que se pon o foco na maneira de vestir da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e da vicepresidenta Yolanda Díaz, ás que cualifica de "fashionarias".

"Un novo exemplo do machismo máis rancio, que considera que se pode xulgar ás mulleres pola súa maneira de vestir", sinala o BNG nun comunicado no que lle piden explicacións ao presidente da Xunta e do PP, Alfonso Rueda, por este comentario na rede social X publicado polo concelleiro do PP de Santiago Andrián Villa e que foi retuiteado pola conta oficial do PP galego.

O BNG sostén que se trata dunha "nova mostra de que o feminismo segue sendo unha materia pendente para o PP", que "persiste en actitudes machistas que son un auténtico freo para avanzar nunha sociedade en igualdade". O BNG avisa de que se o mandatario autonómico non fai esta desautorización, estaría "a consentir e blanqueando unha actitude machista por parte dun cargo público do PP, que a maioría da sociedade galega rexeita".

Comentario en X de Adrián Vila, concelleira do PP de Santiago, no que chama 'fashionarias' a Ana Pontón e a Yolanda Díaz  para descualificalas politicamente. PANTALLAZO REMITIDO POR BNG
Comentario en X de Adrián Vila, concelleira do PP de Santiago, no que chama 'fashionarias' a Ana Pontón e a Yolanda Díaz para descualificalas politicamente. PANTALLAZO REMITIDO POR BNG | Fonte: Europa Press

De feito, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, manifestou que as mulleres "están moi fartas do machismo" e dos comentarios pola súa forma de vestir "non só é un exemplo" diso, senón "da política carca". "É a evidencia de que segue habendo moitas persoas que non están no século XXI, senón XIX", manifestou.

DÍAZ PIDE AO PP QUE "RECTIFIQUE" AO SEU CONCELLEIRO

Pola súa banda, a vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz, instou ao PP a que "rectifique" ao seu concelleiro. "A vulneración de dereitos e a práctica de machismo rampante no Partido Popular non é defendible", sentenciou. Preguntada pola prensa polo tuit de Adrián Villa, que foi retuiteado pola conta oficial do PP galego, Díaz respondeu que "os homes que fan estes comentarios machistas o único que fan é descualificarse a si mesmos".

"Teño que dicirlle ao PP o mesmo que dixen onte (cando xa respondeu a un comentario machista de Alfonso Guerra): en democracia no século XXI todas as críticas políticas son benvidas, pero en democracia no século XXI a vulneración de dereitos e a práctica do machismo rampante do Partido Popular non é defendible", dixo durante unha rolda de prensa con motivo do cume europeo de emprego que se celebra en Santiago.

PUBLICACIÓN DE ADRIÁN VILLA

No comentario emitido polo concelleiro, ironizábase con que Pontón acudiría este xoves a unha visita ao Concello créndose "ministra" e que Yolanda Díaz participaba nun cume europeo sobre traballo e diálogo social considerándose "raíña".

A publicación, que comeza con "o xoves recibimos ás dúas fashionarias en Santiago", remata "ambas as procedentes do Parlamento de Galicia con puño no alto, agora pertencen á burguesía".

O PSOE TACHA O TUIT DE "ABSOLUTAMENTE DETESTABLE"

O PSOE de Santiago tachou de "machista e absolutamente detestable" o tuit. Nun comunicado, os socialistas composteláns manifestaron o seu rexeitamento aos comentarios realizados polo edil popular e trasladoulles a Yolanda Díaz e Ana Pontón o seu apoio. O grupo do PSOE no Concello considera que esta publicación "retrata" ao concelleiro do PP e cre que "require dunha rectificación pública inmediata" pola súa banda e pola do PPdeG, "que se fixo eco das declaracións".

"As discrepancias políticas nunca deben ser motivo de descualificación e, moito menos, dun nivel tan baixo e antigo que non ten cabida en pleno século XXI. Esiximos ao líder dos populares en Santiago, Borja Verea, que desautorice ao seu concelleiro e pida desculpas", conclúe o comunicado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta