A Inquisición II: As mulleres galegas foron condenadas á morte por meigas, falsas xudeas conversas ou practicantes da bigamia

Os cargos da Inquisición de Santiago contra María López acusábana de lavar "moito a carne que traían da carniceiría para botar na pota, máis do que a adoitaban lavar os cristiáns vellos". A Margarida López reprendíaselle por volver casarse despois de que se enterou de que o seu marido, emigrado, morrera. E María Villarino foi delatada polas súas veciñas Isabel Cortés e María Rodríguez por terse transformado en gato.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 09/09/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As meigas sempre foron cousa de Galicia. A tradición oral envolveu a estas mulleres dun misticismo que pervive a día de hoxe. Sen embargo, houbo moitas máis mulleres que foron acusadas de ser meigas das que realmente o eran. O Santo Oficio da Inquisición encargouse de perseguilas, pero non só a elas, senón tamén a moitas outras ás que acusaron de diversos delitos: dende falsas xudeas conversas ata lectoras de libros prohibidos pasando por practicantes da bigamia. Calquera excusa era boa para condenar ás mulleres que non eran sumisas e que transgredían os convencionalismos da época á morte.

Imaxe icónica dunha meiga
Imaxe icónica dunha meiga | Fonte: Commons

A publicación de documentación do Tribunal de Distrito da Inquisición de Santiago entre 1700 e 1820 arroxou luz sobre a situación da muller en Galicia a finais do Antigo Réxime. Da man de Carlos Calderón, do Centro de Estudos Clásico e Medievais (UNCom) recollemos a continuación algúns dos variados casos polos que foron xulgadas as galegas durante o século XVIII. Moitas eran adiñeiradas e iso facía que o clero tivese un especial interese en acusalas para poder expropiarlles as súas pertenzas, que pasaban automáticamente a mans da Igrexa.

FALSAS XUDEAS CONVERSAS: NON COMÍAN CARNE DE PORCO

O Tribunal de Santiago informa á Suprema Inquisición no ano 1625 de que "en Ferrol desembarcou un navío que proviña de Lisboa con persoas que fuxían daquela Inquisición e declaraban como se pasaba a Francia". Calquera que fose o sino final dos emigrados, polo momento estaban baixo a xurisdicción da Inquisición de Galicia. E nese navío viñan non poucas mulleres, como era o caso de "Inés Gómez, viúva, de 58 anos, con tres fillas, unha de 20, María de Sosa, outra de 14, Ana de Sosa, e outra de 10".

A maior parte das acusacións, tamén no caso destas mulleres, comezaba coa denuncia da observación dos preceptos xudeus a partir de ter presenciado que os inculpados se abstiñan de comer porco ou calquera outro alimento que se tivese cocido con porco ou outras supostas prácticas mosaicas. Así se desprende dos cargos contra María López, á cal se viu lavar "moito a carne que traían da carniceiría para botar na pota, máis do que a adoitaban lavar os cristiáns vellos".

Meigas de Cangas
Meigas de Cangas | Fonte: Arquivo

Tamén houbo acusacións deste tipo contra un mercader portugués ao que se lle sostiña que "a súa muller desangraba a carne e sacaba a landreciña dos cuartos traseiros e que non comían touciño nin unto de porco e que os guisos de carne os facían con aceite e non con sebo e que as galiñas as comían degoladas cun coitelo por debaixo da noz e as desangraban".

ACUSADAS DE PRACTICAR A BIGAMIA: DOUS MARIDOS AO MESMO TEMPO

A relación de casos publicados polo Tribunal de Santiago outorga un sitio de preferencia ás causas matrimoniais, comúnmente denominadas bigamia (estar casado/a con dúas persoas a un tempo). E máis aló do éxito que puidese ter un matrimonio como sacramento, o certo é que as mulleres estaban condenadas a sufrir o seu fracaso. O condicionante máis importante era a emigración dos maridos debido, xeralmente, á insuficiencia produtiva do sistema agrario galego, ás normas de trasmisión da terra e ao crecemento demográfico. Entón o home buscaba novos horizontes económicos e non regresaba ao sitio de orixe, deixando á súa esposa abandonada.

Neste contexto, había mulleres que decidían volver a casarse, algo que para o clero non era tolerable: "Cando Margarida López compareceu ante a Inquisición de Santiago en 1594, declarou que aos 18 anos casárase legalmente con Sebastián López. Segundo a súa propia versión, viviron xuntos os primeiros cinco anos e fixeron 'vida matrimonial'. Non entanto, o seu matrimonio, que aparentemente era normal, concluíra de súpeto cando, ao cabo deses cinco anos, Sebastián abandonou a rexión para non regresar xamais. Vinte anos despois, en 1590, Margarida tivo novas de que morrera e decidiu volver casarse".

Outra muller declaraba que "se casou con Juan Martínez había máis de 16 anos e fixo con el vida matrimonial catro ou cinco anos, ata que se ausentou por débedas deste reino ao de Castela e dixéronlle que morrera, polo que se casou con Pedro Deza, co que fixo vida matrimonial dous anos". Este era un desacato á orde establecida e remataba con terribles consecuencias para as mulleres, como o coñecido como 'paseo da vergoña'.

Na búsqueda de exemplaridade para outras mulleres, celebrábase un Auto de Fe no cal (entre outras mortificacións), paseábase á condenada polas rúas máis concurridas de Santiago de Compostela, case con seguridade polos escritos conservados núa de cintura cara arriba, e como sanción máis dolorosa e menos esquecible, se lle aplicaban públicamente e por man do verdugo, douscentos azotes.

FEITICERÍA E SUPERSTICIÓN: "DE NATUREZA INSIDIOSAMENTE VENGATIVA E ENVEXOSA"

A superstición poñía en xaque o equilibrio católico acadado na época entre o mundo da natureza e o sobrenatural, subvertindo a orde acostumada. Así, falábase de toda clase de prácticas máxicas e paganas, atribuídas ás mulleres, para realizar condenas: "Este vicio de facer feitizos, aínda é común a homes e mulleres, máis de ordinario áchase entre as mulleres, porque o demo as acha máis fáciles, ou porque elas por natureza son insidiosamente vengativas e envexosas as unhas das outras". 

O punto álxido destas acusacións deuse no discurso normativo de Covarrubias, onde se definiu a unha bruxa como "certo xénero de xente, endiablada, que tendo perdido o temor a Deus, ofrecen os seus corpos e almas ao demo". "Fan as súas xuntas e o demo aparéceselle en diversas figuras, as que dan a obediencia renegando da Santa Fe que recibiron no Bautismo e facendo menosprezo dela e de Xesucristo". 

Así, acusábase ás mulleres de bruxas, feiticeiras, adiviñas, supersticiosas e todo tipo de calificativos. Dicíase que eran quen de sacar o demo, disolver feitizos, curar persoas, realizar conxuros amatorios, escorrentar o amor de home ou muller ou ter poderes para perxudicar campos e colleitas. E mesmo se detallaban os medios usados para estes fins: ósos de difuntos, terra pisada, cinza, aceite, pedras, libros, auga bendita e conxuros, entre outros.

Así, como exemplo, en 1706 revísase a causa de Cathalina de Araujo, acusada de "ter comercio co Demo e executar feitizos contra a saúde das persoas". Ao ano seguinte, en 1707, María Villarino é delatada polas súas veciñas Isabel Cortés e María Rodríguez por terse transformado en gato. En 1753 a Suprema de Madrid toma varias resolucións contra María Antonia Laborda e o seu irmán, delatados por varias testemuñas sobre as súas prácticas máxicas, ao "ter intentado descubrir tesouros servíndose de certo libro e un óso da cabeza dun gato negro, e un espello con certas palabras e un pacto diabólico".

A xustiza de Cangas en 1626 prendeu a Catalina de la Iglesia e Elvira Martínez, que atormentadas confesaron a pertenza a unha secta de bruxas. Nas declaraciones recollidas das encausadas fálase de que "ían ás Areas Gordas dende facía vinte anos e alí bailaban, e que ían nun barco que guiaba o demo na figura de cabrón e que Catalina casárase co demo estando en figura de home, quen lle prometera darlle riquezas e a señalara como súa cunha uña en certa parte do corpo; que en víspera de certo Santo ela e outras bruxas que nombou ían en compaña dos demos a certa fonte onde bailaban e quitaban os froitos a moitas persoas, enchéndose de ungüentos que o demo lles traía".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta