Amazon Prime Vídeo segue apostando por Galicia para rodar as súas producións: chega 'Fatum'

O filme, dirixido por Juan Galiñanes e protagonizado por Luis Tosar, amosa a cidade da Coruña dende diversos ángulos: a praza de Pontevedra, a cafetería Manhattan, a praza de Portugal, o CHUAC ou o paseo marítimo. Conta a historia dun atraco que remata por amosar a importancia da doazón de órganos para salvar unha vida.

Por Galicia Confidencial | A CORUÑA | 27/08/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Quen dixo que o bo cinema só se podía facer en Hollywood? Galicia estase a converter no Hollywood da Península para moitas produtoras, pois tamén numerosas empresas de contido audiovisual se instalan no noso territorio. Sen ir máis lonxe, unha das plataformas de vídeo que máis uso fai da terra galega é Amazon Prime Vídeo, que ten como cidade preferida para a rodaxe Vigo, mais que tamén se deixa caer por A Coruña, tal e como vemos na súa última super produción, en colaboración con Vaca Films: 'Fatum'.

Película 'Fatum', protagonizada por Luís Tosar e debut no longo de Juan Galiñanes. VACA FILMS
Película 'Fatum', protagonizada por Luís Tosar e debut no longo de Juan Galiñanes. VACA FILMS

'Fatum', estreada fai apenas unhas semanas, xa se atopa no 'top 10' de películas máis vistas da canle. O seu director é o galego Juan Galiñanes (Pontevedra, 1980), director tamén doutros filmes coma o premiado 'Quien a hierro mata, a hierro muere', que obtivo varios Goya. Precisamente, o seu protagonista é Luis Tosar, un dos mellores actores que deu Galicia e que volve da man deste director á pantalla neste novo filme, como protagonista. 

Entre o drama e o suspense, 'Fatum' conta a historia de Sergio (Luis Tosar), un home que ten graves problemas de ludopatía, e de Pablo (Álex García), un francotirador do Grupo Especial de Operaciones (GEO), cuxas vidas de enlazan tras un atraco a unha casa de apostas. Sergio, a pesares de que promete á súa muller (que quere o divorcio) que non volverá a apostar, decide facelo de novo e leva aos seus fillos con el. No medio do episodio un mozo, Alejo (Arón Piper), irrumpe neste casino e tenta atracalo.

Mentres, Pablo, o francotirador do GEO, recibe unha chamada para acudir ao rescate. Sen embargo, a súa situación persoal non é nada boa: ten ao seu fillo ingresado na uci por un problema no corazón, que se manterá ata que atope un donante. De todos os xeitos, animado pola súa muller, decide acudir á chamada. Mais a mente non está centrada no que ten que estar, como é lóxico, e acaba por errar un disparo directo ao asaltante, que se volve tolo cando un dos reféns, o propio Sergio, o ataca, disparando sen sentido. A mala sorte fai que a bala remate impactando no corpo do fillo de Sergio, que morre.

Coincidencia ou non, piden no hospital que este done o seu corazón para que outra persoa poida vivir, e este destínase ao fillo de Pablo, que, con todo, laméntase enormemente por non terlle salvado a vida ao non lograr un disparo certeiro. Como forma de salvar a débeda, e presionado por Sergio, tenta acabar coa vida do asaltante, que está no hospital tras recibir un disparo disuasorio da policía. Aínda así, a súa profesionalidade impídello.

Adicción ao xogo, consecuencias das decisións e o papel do destino nas nosas vidas son tres dos temas que se nos presentan neste filme, cargado de reflexións e que, de seguro, non deixará indiferente a ninguen, provocando mesmo a emoción en moitas das escenas. Salvaríase o fillo de Sergio se o seu pai non fose ludópata e non o houbese levado ao casino? E se a súa nai se tivese divorciado a tempo? Se Pablo non tivese ao seu fillo ingresado no hospital, non tería errado o disparo? Estas e moitas outras preguntas plantéxansenos ao longo da historia.

ATA UNHA DECENA DE ACTORES GALEGOS E MÁIS DE CINCO LOCALIZACIÓNS NA CORUÑA

Ademais do afamado Luis Tosar, esta película conta con outros actores galegos como Xabier Deive (Narón, 1970); Paula Morado (Ferrol); Nacho Castaño (Vilagarcía de Arousa,1972); Isabel Naveira (A Coruña, 1975); Adrián Castiñeiras (A Coruña); Xavier Estévez (A Coruña, 1967); Miguel Insua (Valdoviño, 1961); Ricardo de Barreiro (Lousame, 1974); ou Fran Paredes (Moaña, 1972).

Mais os actores non son o único galego do filme, como vimos. A película rodouse case íntegramente na cidade da Coruña, e aparecen nela localizacións como praza de Pontevedra, praza de Portugal, Riazor ou o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), onde se desenvolve gran parte da historia. Como lugares concretos, cabe nomear á mítica cafetería Manhattan, ou o paseo marítimo captado con imaxes de dron que amosa a cidade en todo o seu esplendor. 

Finalmente, cabe destacar os guiños a Galicia en pequenos detalles, como o feito de que cando os protagonistas viaxan no coche escóitase de fondo a radio en galego; ou a que cando entran no hospital aparece no exterior un cartel da Xunta de Galicia que nos sitúa na comunidade (hai que ter en conta que o Goberno galego destinou a apoiar este proxecto uns 250.000 euros).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Cocu.o.ar

Bótase en falta que a película non se poida ver dobrada ao galego.