Ecoloxistas en Acción tapona as verteduras da mina de San Fins

As confrarías, que encabezan unha plataforma comarcal contra as verteduras, convocaron unha gran mobilización de protesta nas minas este sábado 8 ás 11.00 horas.

Por Galicia Confidencial | Lousame | 06/07/2023 | Actualizada ás 11:51

Comparte esta noticia

Ante a falta de resposta da Administración da Xunta, Ecoloxistas en Acción taponou este xoves unha tubaxe de verteduras da mina de San Fins, propiedade da australiana Pivotal Metals. Unha tubaxe pola que a explotación mineira verte de forma constante augas contaminadas con altas concentracións de cadmio, cobre e zinc. Unha vertedura contaminante que se produce a tan só 7km da ría de Muros e Noia e o Lugar de Importancia Comunitaria do Esteiro do Tambre, en Rede Natura 2000.

Integrantes de Ecoloxistas en Acción taponan unha das tubaxes da mina de san Fins
Integrantes de Ecoloxistas en Acción taponan unha das tubaxes da mina de san Fins | Fonte: remitida

Unha ducia de activistas penetráronse nas instalacións mineiras para colocar unha gran cortiza na canalización de exceda da balsa de decantación final. Unha balsa que denuncian que foi construída ilegalmente sobre o leito do río, e á que van parar tanto os achiques de mina procedentes, por gravidade, do interior da mina, como as augas en contacto cos vertedoiros de residuos.

"Con esta acción, a organización ecoloxista queremos alertar, non só sobre a contaminación actual, senón tamén sobre a contaminación que se aveciña coa nova autorización de vertedura outorgada pola Xunta. Unha autorización coa que a empresa mineira poderá verter por leste mesmo tubo case 1.000 millóns de litros anuais de residuos mineiros, con alta concentración de metais pesados, procedentes das plantas de mina ata o de agora asolagadas", destaca Xoán Evans voceiro de Ecoloxistas en Acción.

Ecoloxistas en Acción e decenas de colectivos, incluíndo as confrarías de pescadores, demandaron á Xunta esta mesma semana que revogue de inmediato a autorización de vertedura, por incumprimento do condicionado, xa que a propia empresa anunciou ante a bolsa australiana que non dispón de financiamento para acometer as obras previstas e, moito menos, para asumir as consecuencias dun potencial desastre multimillonario.

A organización ecoloxista subliña que máis de 10.000 postos de traballo dependen directa ou indirectamente do marisqueo na ría. "E agora están ameazados por unha mina que apenas promete 12 empregos segundo o seu proxecto de explotación", denuncia. As confrarías, que encabezan unha plataforma comarcal contra as verteduras, convocaron unha gran mobilización de protesta nas minas este sábado 8 ás 11.00 horas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta