A Xunta resta importancia á anulación de contratos de transporte escolar e di que son só un 2%

Os nacionalistas acusan á Xunta de "promover o monopolio das empresas amigas do Partido Popular".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2023 | Actualizada ás 14:34

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, destacou que a anulación de tres contratos de transporte escolar por parte da xustiza galega ao detectar "dominio" por parte do grupo Monbus supón o 2% dos que xestiona a Xunta neste ámbito, un total de 184 repartidos entre a Consellería de Educación e o seu departamento, que leva os do servizo compartido.

Pola súa banda, o BNG avisou de que "virán máis" sentenzas neste sentido e denunciou as "moitas irregularidades e incumprimentos que non son anécdotas nin casos puntuais que teñen que ver co funcionamento deste servizo público". No pleno do Parlamento, o deputado Paulo Ríos lamentou tamén o "vendaval xurídico" que afecta á Xunta, polo tres sentencias "deixando sen efecto tres adxudicacións do transporte escolar".

"Están a promover un comportamento de total monopolio do grupo Monbus", criticou. "A Xunta promove o monopolio das empresas amigas do Partido Popular", engadiu. "

"DOS CONCELLOS NIN MU"

Pola súa banda, a conselleira afeou ao parlamentario acudir á Cámara "coa obsesión de sempre" e con "cualificacións que non proceden en materia de transporte público de competencia autonómica". "Cando é dos concellos, iso si: nin mu", recriminoulle, antes de incidir en que "para saber o que se fai hai que comparar".

"Quen está a realizar o transporte en Pontevedra? Porque non son capaces nin sequera dun contrato, xa non lle digo máis de 180. En Lugo? Cogobernan, e alí é unha fonte inesgotable de queixas. A quen está adxudicado? A un amigo seu? De quen é amigo? A quen está adxudicado? Supoño que xa llo quitarán... Xa tardan", soltou Ethel Vázquez.

A continuación, referiuse tamén ao concello de Santiago, onde "o tribunal de contratos tirou abaixo" o contrato. "Sabe quen está ao realizar. Supoño que tamén hoxe llo quitarán e porán un novo. Supoño que sabe quen é a empresa maioritaria... Xa me tarda. Estamos expectantes", insistiu.

Autobuses da empresa Monbus. MONBUS - Arquivo
Autobuses da empresa Monbus. MONBUS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta