PSOE tacha de "irresponsable" ao PP por "branquear" a violencia machista

A conselleira Elena Rivo cre que é "unha cuestión de Estado que debe unir e non desunir" e reivindica o compromiso de Feijóo coa materia

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/06/2023 | Actualizada ás 19:00

Comparte esta noticia

Unha interpelación dos socialistas á conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en relación á violencia de xénero xerou un encontrón verbal no Pleno entre PP e PSdeG, despois de que os segundos acusasen aos primeiros de "irresponsables" por "normalizar os discursos negacionistas e blanquear" a violencia machista, mentres que os populares cargaban contra os efectos da Lei de só si é si.

A deputada socialista Noa Díaz foi a encargada de formular a interpelación, cun discurso duro no que cargou contra as últimas declaracións do líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, en relación a esta cuestión e, particularmente, a apelación a que Carlos Flores Juberías, candidato de Vox á Generalitat Valenciana condenado por violencia verbal á súa exmuller, tivera "un divorcio duro".

Para Noa Díaz, estas declaracións de Núñez Feijóo, que o "incapacitarían para ser presidente en calquera país democrático", son "consecuencia de normalizar os discursos negacionistas e blanquear a violencia machista", algo polo que tachou aos populares de "irresponsables".

"Cantos homes sentirán hoxe lexitimados a maltratar aos seus exparellas porque están a ter un divorcio duro?", preguntouse a deputada socialista, para quen "permitir que se invisibilice a violencia contra as mulleres vai ter unhas consecuencias nefastas".

Na confrontación entrou, posteriormente, o portavoz popular, Pedro Puy, que foi apelado por Noa Díaz durante a súa intervención. Fíxoo para reiterar que o seu grupo "condena firmemente e sen ningún tipo de reparo a violencia de xénero" e para acusar os socialistas, que lideran o Goberno central, de ter " gardado nun caixón" durante cinco anos o Pacto de Estado contra a violencia de xénero "sen facer nada", así como de aprobar a lei de só si é si que permitiu " reducir condenas" a agresores sexuais.

"Isto non é un problema de dereitas ou de esquerdas, é un problema de decencia ou indecencia, e nós estamos ao lado da decencia", dixo Pedro Puy, que reclamou a Díaz que "faga o favor de non insinuar que estamos blanqueando a violencia de xénero".

Na mesma liña, a conselleira Elena Rivo afirmou que os populares "non escatimarán recursos nin esforzos para loitar contra a violencia de xénero". "Coñezo desde hai máis de 20 anos a Feijóo e non me cabe ningunha dúbida do seu compromiso coa igualdade", dixo a responsable de Igualdade, que volveu a mencionar os efectos da lei de só si é si.

Para Elena Rivo, a loita contra a violencia de xénero é "unha cuestión de Estado que debe unir e non desunir", e pediu "traballar con seriedade" en materia de igualdade. Desde o ámbito galego, destacou a "promoción e dinamización" das mesas locais de coordinación contra a violencia de xénero, que, lembrou, deben crear os propios concellos, a rede de entidades locais contra a violencia de xénero ou o protocolo de coordinación institucional na materia, así como o labor do Observatorio Galego contra a Violencia de Xénero. No ámbito nacional, reclamou un cambio no sistema Viogén, que está "obsoleto" e ofreceu a experiencia da Xunta na materia para asesorar nos foros nos que sexa necesario.

DELITOS DE ODIO LGTBI

Tamén no Pleno, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade respondeu a unha interpelación sobre as políticas para afrontar os delitos de odio e fobia ao colectivo LGTBI. A deputada nacionalista Iria Carreira foi a encargada de formulala, unha intervención na que lembrou que o vindeiro luns se cumprirán dous anos do asasinato na Coruña de Samuel Luiz.

Tras apuntar o incremento rexistrado, especialmente en 2022, dos delitos de odio por orientación sexual ou identidade de xénero, Carreira apuntou que un dos lugares nos que máis frecuentemente suceden este tipo de condutas son as aulas.

A deputada do BNG, que preguntou polas liñas de acción da Xunta, cargou tamén contra o líder do PP a nivel nacional, Alberto Núñez Feijóo, que cuestionou que, coa Lei Trans, "é máis fácil cambiarse de sexo que sacarse o carné de conducir" e afeou que os populares, que manteñen un recurso contra a Lei Trans, mantivesen tamén no seu día outro contra a Lei do matrimonio igualitario.

Na súa resposta, Elena Rivo apostou por "seguir chamando a atención e creando conciencia" ante esta problemática, aínda que reivindicou os "pasos dados estes últimos anos" con "políticas transversais" a todos os departamentos da Xunta.

Dentro das accións da Xunta, mencionou campañas informativas en ámbitos educativos, apoio directo ao movemento asociativo e formación no campo sanitario e das forzas e corpos de seguridade do Estado. Tamén incidiu no asesoramento dos centros Quérote+, guías para a prevención de discriminación e acoso no ámbito laboral ou elaboración de estudos.

A deputada socialista Noa Díaz. PSDEG
A deputada socialista Noa Díaz. PSDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta