Pontón defende que Galicia necesita "un grupo galego forte" para cambiar "o guión do Estado"

Opina que un único deputado na última lexislatura foi "máis útil" que os 22 do PP e do PSOE.

Por E.P. | A CORUÑA | 27/06/2023 | Actualizada ás 15:52

Comparte esta noticia



A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, insistiu na necesidade de ter un "grupo galego forte" coa súa formación política en Madrid tras as eleccións xerais do próximo 23 de xullo para cambiar "o guión do Estado". "Este 23 de xullo xogámonos moito", afirmou a líder nacionalista na presentación este martes da lista do BNG pola Coruña, encabezada por Néstor Rego e Rosana Pérez.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón/ Europa Press / Europa Press
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón/ Europa Press / Europa Press

No acto, apelou a unha "relevante participación da sociedade galega" nos comicios e a votar con "a cabeza e co corazón en Galicia". "Non podemos pasar por alto a importancia destas eleccións e de ter un grupo galego forte", dixo. "Somos a garantía na defensa dos intereses deste país, na defensa dos intereses da maioría social e somos un muro de contención contra un goberno da dereita e da extrema dereita que pretenden que vaiamos cara atrás", recalcou Pontón, quen defendeu que o BNG ten o "aval do traballo feito".


Neste sentido, incidiu en que na última lexislatura un só deputado do BNG, Néstor Rego, "foi máis útil para Galicia que os 22 restantes das forzas estatais" e convidou á cidadanía galega "a imaxinar" o que se pode conseguir "cun grupo galego forte que sexa determinante na política estatal". "Os galegos e as galegas teñen que ser conscientes de que teñen o poder de cambiar o rumbo do noso país", subliñou.

NÉSTOR REGO

Pontón atribuíu á cabeza de lista e único deputado do BNG na última lexislatura, Néstor Rego, "capacidade e firmeza á hora de defender os intereses de Galicia" e citou medidas como "a rebaixa histórica da AP-9" ou "o dragado da ría do Burgo". Neste acto de presentación celebrado na cidade herculina, tamén interveu o propio Rego, quen coincidiu en que "canta máis representación teña Galicia da man dunha forza libre como o BNG, mellor iralle".

Explicou, ademais, que "agora" o obxectivo é "non só alcanzar compromisos" senón "facelos cumprir de forma permanente". Pola súa banda, o portavoz do BNG na Coruña e antigo deputado, Francisco Jorquera, dixo que a candidatura da formación nacionalista está integrada "por persoas solventes e comprometidas". Respecto de Rego, destacou que "grazas a el, Galicia ten voz".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta