Arquivan a peza da 'Pokémon' que investigaba a Baltar pai e outros políticos do PPdeG, PSdeG, BNG e Terra Galega

A xuíza considera que non hai probas para determinar que recibiron fondos de Vendex para a campaña das municipais de 2011.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/05/2022 | Actualizada ás 17:28

Comparte esta noticia

O xulgado de Instrución número 2 de Lugo ordenou o arquivo da peza derivada da Operación Pokémon que investigaba o suposto financiamento ilegal de varios partidos nas eleccións municipais de 2011 e que afectaba a unha ducia de políticos en activo por aquel entón, entre eles o expresidente da Deputación de Ourense José Luís Baltar.

José Luís Baltar Pumar, expresidente da Deputación de Ourense
José Luís Baltar Pumar, expresidente da Deputación de Ourense | Fonte: Europa Press - Arquivo.

Nun auto asinado o pasado 9 de maio e contra o que cabe recurso de reforma ante o propio xulgado de instrución e de apelación a presentar na Audiencia Provincial luguesa, a xuíza Sandra Piñeiro dita o sobresemento provisional das dilixencias, derivadas da macrocausa iniciada hai máis dunha década polo xulgado de instrución número de 1 de Lugo dirixido por Pilar de Lara, sancionada posteriormente por dilacións indebidas no proceso.

A peza fai referencia ao suposto financiamento irregular de PP, PSdeG, BNG e Terra Galega na campaña das eleccións municipais de 2011 cando, segundo os investigadores, recibiron distintas contías económicas de mans da empresa Vendex a cambio de adxudicacións e información privilexiada.

Con todo, a titular do xulgado de instrución considera que non se lles pode atribuír a "perpetración de delito en relación coas supostas doazóns efectuadas no ano 2011". Na peza figuraban como investigados unha ducia de políticos, entre eles, o expresidente da Deputación ourensá José Luís Baltar e varios edís das distintas formacións supostamente implicadas, como o coruñés Julio Flores (PP), o ourensán Fernando Varela (BNG) ou a ferrolá Mercedes Carbajales (PSOE).

"NINGÚN INDICIO RACIONAL"

No fallo, a maxistrada lembra que os feitos investigados tiveron lugar catro anos antes da entrada en vigor en 2015 da lei sobre o financiamento de organizacións políticas, unha normativa que, segundo subliña a xuíza, "supuxo a elevación a condutas criminais do que, con anterioridade, non podía superar a equívoca consideración de conduta sancionable desde o exclusivo plano administrativo".

En todo caso, subliña que "se descoñece que elementos conduciron" a aseverar que a documentación solicitada nos rexistros efectuados na sede do grupo Vendex correspondía a unha serie de ingresos realizados en contas bancarias vinculadas ás organizacións políticas investigadas para obter delas adxudicacións "ilícitas" e "información privilexiada" para os concursos de servizos aos que se presentaba.

En concreto, as pescudas apuntaban a unha serie de operacións bancarias sospeitosas, como os 17 ingresos efectuados entre maio e xuño de 2011 en contas que o PP tiña nunha oficina do centro histórico de Santiago.

"Máis aló da hipótese investigativa policial, non cabe formular un xuízo indiciario de responsabilidade criminal que permita encaixar tales feitos nunha conduta prevista e penada no Código Penal, na redacción vixente á data dos feitos", sinala a xuíza sobre estes ingresos.

A maxistrada exprésase na mesma liña sobre outros ingresos en contas a nome do PSOE, BNG e Terra Galega que os investigadores ligaban a Vendex, conexións xurdidas do rexistro das oficinas da empresa e que a xuíza considera "simples hipóteses" que non están "corroboradas polo resultado das dilixencias practicadas".

Por tanto, determina que "non é posible encaixar penalmente as condutas analizadas de suposta 'financiamento ilegal' en ningunha das figuras delituosas previstas e penadas", polo que dita o sobresemento provisional das actuacións "ao non resultar xustificada a perpretación de delito algún".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta