Traballadores acusan a Xunta de permitir que Monbus "incumpra" os contratos

Indican que non se respectan as xornadas mínimas de dúas horas e que se están facendo contratos eventuais pola duración dun curso.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 02/03/2022 | Actualizada ás 18:23

Comparte esta noticia

Traballadores do servizo de acompañamento do transporte escolar concentráronse este mércores diante do edificio da Xunta na Coruña para denunciar a "precarización" das súas condicións laborais e os "reiterados incumprimentos" que se levaron a cabo desde que o grupo Monbus se fixo coa maioría do servizo. Por iso, o persoal reclamou á Xunta que "abandone a súa actitude de permisividade absoluta" coa empresa e que lle esixa respectar o establecido no convenio colectivo.

Tal como recolle a Confederación Intersindical Galega (CIG) nun comunicado, as xa malas condicións do sector empeoraron coa chegada de Monbus, que presta actualmente a metade do servizo de transporte escolar de Galicia. "Non se están respectando as xornadas mínimas de dúas horas que marca a normativa, hai traballadores con xornadas dunha hora, e ao persoal subrogado que tiña contrato fixo-descontinuo estánselle facendo contratos eventuais pola duración do curso", criticou o responsable de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza.

Neste sentido, asegurou que aínda que a este colectivo ténselle que aplicar o convenio galego do transporte de viaxeiros, Monbus está a aplicarlles o Estatuto dos Traballadores, sen respectar nin as xornadas laborais, nin a antigüidade, nin as condicións que tiñan as anteriores concesionarias.

"Non só perdemos salarios, senón que tamén nos recortan as bases de cotización, o que nos afecta á hora de cobrar o desemprego no verán ou cando accedamos á xubilación", criticou Beatriz, unha traballadora da zona de Ferrolterra que leva 14 anos neste servizo. Por todo iso, desde a CIG acusaron á Xunta de permitir que a empresa realice todas estas prácticas xa que, a pesar das decenas de denuncias que presentou a organización sindical, nin a Consellería de Educación nin a Dirección xeral de Mobilidade "adoptaron ningunha medida".

Traballadores do servizo de acompañamento escolar denuncian os 'incumprimentos' do grupo Monbus.. CIG
Traballadores do servizo de acompañamento escolar denuncian os 'incumprimentos' do grupo Monbus.. CIG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta