Cansu Dere e as paixóns

Estou namorado da actriz Cansu Dere. A protagonista da serie “Infiel” quita o alento coa súa arte, beleza e suma elegancia. Veñen á mente Grace Kelly, Audrey Hepburn ou Eva Marie Saint como modelos paralelos en canto ao vestiario e a maneira de levalo e de andar.

Por Ramón Torrado | Ribeira | 18/12/2021

Comparte esta noticia
 Pero o que sorprende nesta actriz é a súa paixón interpretando á doutora Asya Yilmaz, unha muller de éxito que ve como a súa vida afronta un movemento de terra cando o seu marido a engana. El, Volkan Arslan (Caner Cindoruk), é un deses homes para os cales é pan comido seducir. Tamén seduce á cámara. 
 
Agora que xa non se emite a hipnótica saga do Comisario Montalbano, “Infiel” é a única serie que miro. Faime lembrar a outras dúas series que trataban o tema da infidelidade, “Trinta e tantos” e “A lei de Los Angeles”, que con inxustiza parecen sumidas no esquecemento. 
 
Asya é unha muller moderna e moi forte e valente. A paixón polo seu fillo e (soterrada) polo seu ex-marido fai que chegue a realizar accións estrañas, como cando provoca un altercado violento con Volkan. Ás veces, ela e Volkan parecen dementes, atrapados nos labirintos dos celos e do amor.
 
A actriz – que confesa ter sufrido unha situación similar na súa propia vida – opina que esta serie pode traer un cambio de mentalidade respecto a tempos pasados, un reforzo para a autoestima e a dignidade das mulleres. A censura impide que se vexan bicos nos labios ou escenas de amor, pero o ambiente é moi moderno. 
 
Os guionistas fanlle dicir a Volkan unha curiosa idea: “se un home pode amar a un tempo a varios fillos, por que non vai poder amar a varias mulleres?” Así explica a unha amiga pouco fiable o seu amor por Asya e pola súa nova (nos dous sensos) esposa, Derin (Melis Sezen).
 
Na serie, digna sucesora da memorable “A miña filla”, todo o elenco fai un bo traballo – talvez un pouco peor o fillo – e os únicos momentos de humor son os de Gönül, a sogra de Volkan, cunha falsa amiga. É moi convincente no seu papel o sogro Haluk (Burak Sergen), así como o malvado Selçuk (Taro Emir Tekin). Chama a atención o complexo personaxe da amiga de cabelo roxo Bahar (Yeliz Kuvanci), que non pode ter fillos. Cando Asya decide deitarse co seu marido Mert para obter unha vinganza sobre Volkan, vén unha sensación de sufrimento intenso, como se Asya fora a moza do espectador!
 
Por certo e para rematar, soñeino ou hai quen opina que no drama dos celos que retrata William Shakespeare en “Otelo” o vilán Iago é un personaxe galego? A forza das paixóns tamén dá vigor á esta serie.
 
Todo indica que o poderoso guión e a electrizante actuación de Cansu Dere farán de “Infiel” (Sadakatsiz) unha obra televisiva que permanecerá na memoria, e que demostra novamente o bo facer dos artistas turcos no eido da telenovela. Queda claro que Cansu, amante de viaxar e arqueóloga de carreira, sabe chegar sen atrancos aos intersticios do corazón. 

A actriz turca Cansu Dere
A actriz turca Cansu Dere | Fonte: TVE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Foi colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes, entre elas, Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018) e "Torino" (Axóuxere, 2021), a súa última obra publicada.