Retorno aos vales da inocencia

Alguén lembra aquel cántico taiwanés que se escoita no tema “Return To Innocence” que Enigma publicou en 1993? Hai algo nesas voces que transmite un sentimento grácil de candor prevalecendo no paso do tempo.

Por Ramón Torrado | Ribeira | 19/05/2022

Comparte esta noticia
Que pode conseguir que o ser humano regrese a esa inocencia que é o contrario ao abandono da ética, á maldade e á guerra? Cando en 1985 Sting cantaba iso de “espero que os rusos tamén amen aos seus nenos” moitos pensaban que esa idea era unha simpleza, pero na actualidade parece profética. 
 
Talvez hai que facer por conectar co neno que levamos dentro, aquel ser que aínda non coñecía os camiños que se apartan da bondade, do cariño e da tenrura.
 
Esta semana terceira de maio visitei por vez primeira a vila de Pontedeume. Por desgraza, un cúmulo de coincidencias fixo que a experiencia non saíra ben nesta ocasión. Pero houbo un detalle, sen dúbida o mellor, que salvou a viaxe. Foi moi sinxelo: andando por unha rúa estreita que leva á Praza Real, escoitei un grupo de nenos pequenos que viñan cantando detrás. Xireime sorprendido e sorriron. Sorrisos pícaros e simpáticos. Estaban moi contentos; ían a unha tenda de doces.
 
Foi como unha escena dunha película, ou da serie “Verano azul” que tanto me gustaba na adolescencia. De novo a nostalxia atacando.
 
Como se sabe, vivimos nun tempo de temor. Ver as noticias trae úlceras á alma. Como é posible tal sucesión de traxedias? É posible que aínda non prevaleza o espírito da paz? É posible que a civilización non sirva para facer efectivas as ensinanzas seculares?
 
Non podo menos que recordar unha das declaracións de amor máis fermosas que coñezo dentro da música popular. Sucede cando George Michael lle dicía ao seu amor: “sorríchesme como Xesús a un neno”.
 
Cruzamos nesta época un camiño escarpado, robótico e xélido que resulta moi duro de transitar, mais esperemos que encontremos axiña e en irmandade a luz salvífica dos vales da inocencia.
      

Un grupo de nenos fai o Camiño de Santiago.
Un grupo de nenos fai o Camiño de Santiago.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Foi colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes, entre elas, Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018) e "Torino" (Axóuxere, 2021), a súa última obra publicada.