Manda rosas a Sandro

Non é “Primavera” de Sandro Botticelli un dos cadros máis pletóricos de beleza que existen? Luz da alma, douscentos tipos de flores, rostros de nobre fermosura, graciosa harmonía sobre a cal voa Cupido.

Por Ramón Torrado | Ribeira | 13/04/2021

Comparte esta noticia
Say you want to spend the winter in Firenza. En Florencia quedou este magno tesouro que non puiden contemplar en persoa  nunha viaxe moi limitada no tempo a causa dun exceso de visitantes á Galleria degli Uffizi.
 
Nesta pintura, vemos ao deus do amor, que aparece co vento Céfiro e a ninfa Cloris, con Mercurio, coas tres deusas Aglaia do esplendor e da beleza, Eufrósine da felicidade e Talía das festividades, coa elegante deusa das flores e dos xardíns Flora (que nos mira sorrinte cunha estraña franqueza), e coa nai Venus, de rostro caprichoso (inspirado talvez pola moza Simonetta Vespucci). Se abril é o mes máis cruel, esta obra mestra semella apuntar a unha primavera que florecerá nun estío de amores.
 
Será iso posible coa pandemia? O poeta rianxeiro Xesús Santos asegura que cando volva a normalidade daremos – á maneira de Catulo - bicos sen parar. Virán abrazos moi fortes e longos. Virá unha nova maneira de relacionarse – máis íntima e agradecida – ou seguiremos como se non tivera pasado nada?
 
Coidaremos mellor das persoas que acumulan máis anos? Poderá existir unha nova forma de emprego na cal a xente nova encontre un traballo remunerado coidando daqueles semellantes que xunto cos nenos e os enfermos son os máis vulnerables?
 
Quito o plástico (aínda) a unha magnífica edición máis dese Círculo de Lectores que tanto se bota de menos. É a antoloxía “Dignum est y otros poemas” de Odysséas Elýtis, que leo no xardín anexo á praia de Compostela en Vilagarcía de Arousa. Envolto nos versos que o gran Elýtis dedica á súa belísima esposa Iulita, chego á Praza de Galicia atraído neste Sábado Santo polos sons duns músicos da rúa: sete mozos latinos chamados “Los colegass”. É difícil non emocionarse vendo por fin como uns nenos pequenos bailan felices na praza coas bachatas en burbullas de amor que lanzan os cantantes. Mentres, dúas mozas contemplan embelesadas o escaparate dunha xoiería. Lembro os días de namoramento da xuventude nos cales era un esforzo económico considerable regalar un colgante ou uns pendentes á amada. Agora penso: cal é o prezo do amor? Canto daría na actual soidade por ter sequera un día de aquela gloria!
 
Di miña nai Concha que eu, cando era un neno aprendendo a falar, cantaba un éxito da época titulado “Manda rosas a Sandra”, do solista arxentino Sabú. 
 
Baile, arte, música e amor. Non é certo que os namorados rara vez enferman? Amor vincit omnia. Unha luz azul cobre as terras de Galicia e brilla a lúa minguante. Mañá volverá o sol. 

Varias persoas na praia de Sanxenxo, en Pontevedra, Galicia (España), a 27 de marzo de 2021. O subcomité clínico mantén o nivel alto de restricións no concello de Sanxenxo, o que leva que a hostalaría só pode servir nas terrazas e. Beatriz Ciscar - Europa Press
Varias persoas na praia de Sanxenxo, en Pontevedra, Galicia (España), a 27 de marzo de 2021. O subcomité clínico mantén o nivel alto de restricións no concello de Sanxenxo, o que leva que a hostalaría só pode servir nas terrazas e. Beatriz Ciscar - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Foi colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes, entre elas, Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018) e "Torino" (Axóuxere, 2021), a súa última obra publicada.