Demasiados falsos profetas

Visitaba estes días Compostela e as terras do Deza, o físico Sir Anthony James Leggett, –premio Nobel–, e afirmaba coa sabedoría que caracteriza aos estudosos do transcendente, que en algunhas partes do Universo o tempo pode ir cara atrás. Compartirán algúns de vostedes a superficial reflexión, de que ao mellor este físico estaba a describir o que está a acontecer na nosa sociedade, dado que imos cunha velocidade de vertixe a unha involución case medieval.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 13/03/2013

Comparte esta noticia
Non hai máis que ver as polémicas que rodean a Casa Real, con presuntas corruptelas e Mata Haris do século XXI varias facendo declaracións nas cabeceiras dos xornais, sociedades afastadas dos mínimos valores tentando dar leccións a democracias como a venezolana, conclaves cardinalicios nos que varios dos seus membros semellan estar moi lonxe de recibir a inspiración do Espírito Santo para elixir Sumo Pontífice e, en resumo, contradicións que falan da fin do mundo de facto, dentro dunha sociedade zombie.
 
Realmente dende España, a día de hoxe, podemos dar leccións aos irmáns venezolanos sobre a súa folla de ruta a seguir e criticar a un réxime político como o do finado Chávez? É a nosa sociedade exemplar dabondo como para pontificar sobre o que os venezolanos deciden nas urnas?. Dende a discrepancia ideolóxica cos postulados de Chávez, seguramente so o cinismo pode facer que os primeiros que teñamos que mudar de actitude sexamos os que vivimos nun vórtice de miseria moral como vemos todos os días. Probablemente teñamos que aprender moito da dignidade de Presidentes do Uruguai como Mújica e mirar mais aos nosos, instalados na podremia existencial, dominantes dunha poboación cada vez máis farta.
 
Demasiados falsos profetas que se autoproclaman garantes dun modelo social, que o duro choque coa realidade demostra que non son máis que seres socialmente lapidables, que nadan en augas turbias coa liberdade das serpes. Non hai máis que observar a inmundicia que percorre a sede vaticana, con informes escabrosos sobre algúns chamados “príncipes da igrexa” que aspiran ao Pontificado, e que están moito máis próximos co seu comportamento a entrar polas portas do inferno, que a chegar a ver a de San Pedro.
 
Todos no fondo somos culpables desta situacións, iso si, uns máis que outros, porque dos silencios sobre o comportamento do xefe do Estado, hai moito cómplice nas redaccións dos xornais e nas contas correntes dos poderes fácticos. E mentres, os demais, a asentir por un medo co que se nace a modo de “pecado orixinal”, por fortuna xa socialmente con data de caducidade.
 
Ou non?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA