Dimite o alcalde de Cerceda tras anos de batallas xudiciais e 25 anos no cargo

Toma a decisión logo de ratificarse a súa inhabilitación por prevaricación.

Por Galicia Confidencial | Cerceda | 14/01/2020 | Actualizada ás 13:17

Comparte esta noticia

O alcalde do Concello de Cerceda, José García Liñares, anunciou este martes a súa dimisión tras confirmarse a súa inhabilitación durante oito anos por un delito de prevaricación administrativa.

O alcalde de Cerceda, José Luís García Liñares. EUROPA PRESS - Arquivo
O alcalde de Cerceda, José Luís García Liñares. EUROPA PRESS - Arquivo

O anuncio prodúcese unha semana despois de que a sección primeira da Audiencia coruñesa ratificase a condena a oito anos de inhabilitación ao aínda rexedor por "irregularidades" na contratación das obras do xardín botánico.

García Liñares compareceu este martes para anunciar a súa decisión de apartarse da alcaldía, unha marcha que se efecturá "nos próximos días" e para "cumprir" coa súa palabra de que deixaría o bastón de mando se a condena era en firme.

Visiblemente emocionado e arroupado por membros do seu equipo de goberno, o aínda alcalde manifestou que se vai porque considera que a súa presenza "prexudica" o Concello e "non porque non crea" na súa inocencia.

"Non me condenan por aproveitarme do meu cargo ou apropiarme de fondos públicos, senón por un proceso administrativo", incidiu García Liñares, que se deu de baixa como militante o Partido Socialista hai un ano, aínda que foi reelecto como alcalde liderando a candidatura do PSOE nas municipais do pasado mes de maio.

Tras un cuarto de século no cargo, recoñeceu que "non é o final" que esperaba para a súa traxectoria política, á vez que di "sentirse tranquilo" despois da condena.

"Voume coa conciencia tranquila. Non prexudiquei nin ao Concello nin a ninguén", remarcou, antes de reivindicar o equipo de goberno que pilotará o concello tras a súa marcha.

INHABILITACIÓN

A pasada semana, a sección primeira da Audiencia coruñesa desestimou o recurso de apelación interposto por García Liñares e o arquitecto técnico, Antonio José Varela Mallo, contra a resolución do Xulgado do Penal número 2 da Coruña que os condenou por "irregularidades" na contratación das obras do xardín botánico.

Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a Audiencia confirma integramente a sentenza ditada en xullo de 2019 na que o rexedor municipal foi condenado a oito anos de inhabilitación para exercer calquera cargo público como autor dun delito de prevaricación administrativa.

O arquitecto, pola súa banda, foi condenado como cooperador necesario con catro anos de inhabilitación, ademais de con nove meses de suspensión do cargo por cometer un delito de falsidade. Contra a resolución da Audiencia Provincial da Coruña non cabe a presentación de recurso ordinario.

No seu fallo, o tribunal destaca que o xuíz de primeira instancia fundamentou a súa sentenza "na valoración das probas practicadas no xuízo, con todas as garantías de inmediación, contradición e oralidade", á vez que advirte que os apelantes pretenden "substituír o criterio xudicial, obxectivo e imparcial, polo seu propio, lexítimo, pero subxectivo e interesado na idea da absolución".

"Non se demostrou que a tramitación do expediente mereza sanción penal, pero de aí a elevalo á categoría do correcto, media un treito que a proba non avala", subliñan os maxistrados na sentenza.

Nela, indican tamén que a obra "empezou polo menos o 31 de marzo de 2015 por unha contratación verbal, sen que o expediente administrativo alcanzase a fase de adxudicación". Por iso, conclúen que é "delito de prevaricación".

Os xuíces recalcan que é "inimaxinable" que a empresa realizase eses traballos "pola súa conta e risco, sen encomenda directa do alcalde e sen a cooperación directa do arquitecto municipal".

O exame das fotografías achegadas polo denunciante, segundo a Audiencia, "leva a apreciacións en liña coas a instancia: as obras de autos non se corresponden cunha drenaxe menor xunto a un camiño".

Así, os xuíces sosteñen que son "amplos movementos circulares de terras, a un nivel superficial, o que se cohonesta coa natureza do que se pretendía construír: dúas lagoas superficiais".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta