Allariz, a capital do mel de Galicia e Portugal

Organiza a II Feira dos Produtos Apícolas en Allariz o día 15 de setembro.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 24/08/2019 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Allariz será a capital do mel de Galicia e Portugal así coma un gran escaparate dos produtos das abellas, que amosará toda a súa riqueza e diversidade a través dos máis de 25 postos de apicultores e apicultoras de toda Galicia e Portugal.

Abellas. UEX
Abellas. UEX

Será o vindeiro 15 de setembro durante a celebración da II Feira dos Produtos Apícolas organizada pola Escola Galega de Apicultura, integrada pola Asociación Galega de Apicultura, Concello de Allariz e Fundación Ramón González Ferreiro.

Os visitantes poderán coñecer e degustar unha gran variedade de meles de diferentes tipos, os variados produtos da colmea, como o pole ou o própole, e outros produtos artesanais, como bebidas elaboradas con mel (infusións, cervexas ou hidromel) ou cosmética apícola (xabóns ou bálsamos).

Na xornada terá lugar a presentación do proxecto "Apiturismo Xacobeo 2021", realizado pola Asociación Galega de Apicultura dentro do programa O Teu Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia, e unha exposición fotográfica sobre este tema. Para descubrir a orixe dos diferentes meles o público coñecerá cales son as plantas preferidas polas abellas a través dunha exposición sobre flora melífera, que encherá de flores e abellas o casco histórico de Allariz, e unha charla para aprender cales son as mellores plantas para as abellas e as súas propiedades.

Durante toda a xornada haberá un amplo e variado programa de actividades para todos os públicos. “Teremos demostracións en directo da esmelga, a extracción de mel dos panais, e a elaboración tradicional de candeas”, apuntan os organizadores nun comunicado.

Pola súa banda, os máis pequenos poderán aprender todo sobre as abellas xogando e disfrutando nun espazo infantil con interesantes e divertidas actividades. Ofrecerase tamén unha degustación de meles combinados con outros produtos da gastronomía galega e un obradoiro de cociña con mel, para aprender a elaborar deliciosas e saudables receitas. E haberá tamén un concurso para escoller o mellor expositor da feira e sorteos de varias cestas de produtos entre o público visitante.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta