Artigos de Xosé Glez.

O día das Letras Galegas e a diglosia

Son dos que opinan que o Día das Letras Galegas debería mudar o seu obxectivo fundacional de divulgar a literatura galega por outro formato que explore novos horizontes. Esta exclusividade deixa sen visibilidade outros espazos nos que se xoga o futuro da lingua. Aínda máis: grandes franxas sociais non se sinten atraídas, en absoluto, polo carácter destas celebracións literarias; míranas de esguello, con indiferenza.

Mellor nos iría

O Diario Oficial de Galicia na súa edición do día 31 do pasado mes de decembro publicaba a Lei de Orzamentos Xerais da C.A. de Galicia para o ano 2022. A súa lectura ofrécenos unha panorámica das partidas orzamentarias que poden interesar para coñecer o funcionamento das nosas institucións, pero tamén para os afortalamentos dos nosos sinais de identidade.

O cantar das Tanxugueiras

A polémica por mor da desacertada decisión do xurado do Benidorm Fest de non permitir que a proposta maís votada polo público chegase en primeiro posto ten raíces ben chantadas no mal que tolle o plurilingüísmo recoñecido pola Constitución.

No Nadal, dos ditos aos feitos

Estamos nas portas do nadal. A partir de agora as grandes campañas publicitarias farán máis visibles as ofertas comerciais que se lles ofrecen aos consumidores que por estas datas son máis receptivos a elas. As canles de televisión emitirán anuncios en atractivos formatos pregoando augas de colonia e perfumes franceses, idioma que os máis dos telespectadores non entenden. Pero tanto lles ten. Velaí a maxia da publicidade ben feita: facer crible o imcomprensible.

Restaurando a memoria lingüística

Un ano máis a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia (AFNLG) convoca por estas datas o Mes da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia. A este chamamento vánse sumando progresivamente concellos e asociacións de todo tipo, aínda que non na medida desexada; pero a constancia da pedagóxica convocatoria non ha tardar en dar seus froitos.

Galegos en Catalunya

Os galegos agrupados na Federación de Entidades Culturais Galegas en Catalunya (FEGALCAT), a proposta de Ovidio Santos, tiveron a ben distinguirme co Alecrín no eido da “Defensa do Galego” polo labor de normalización do idioma en todos os campos da vida cotiá nun acto celebrado no Auditorio Municipal de Lalín.

Que Galicia queremos?

Chega o 25 e con el a celebración do Día da Patria Galega, Día Nacional de Galicia ou Día de Galicia, que coas tres denominacións son convocadas concentracións para festexaren unha data moi significativa no calendario sentimental dos galegos e galegas. Galicia enteira acudirá aos chamamentos que fan partidos políticos e sindicatos. En todos eles apelarase á galeguidade con cadanseu matiz. Mais o que nos debe preocupar é que todos os discursos que se pronunciarán teñen algo en común: a retórica da abstración, máis ou menos cargada de bombo.Galicia non pode ser unha abstración. É unha Terra que se ve, que se ole,que se apalpa… dixo Vicente Risco. O Foro E. Peinador hai ben anos que ben dirixíndose aos cúmios das organizacións convocantes para que concreten a idea de Galicia que lles queren transmitir ás súas hostes. Nese intento non tivo nunca éxito. O pedimento que se lles fixo caeu en saco roto. Débelles parecer unha nimieza ou impertinencia dirixírse aos seus seguidores instándoos a escolleren preferentemente produtos galegos no seu consumo cotiá. O razoamento de tal solicitude está debidamente xustificado: as industrias agroalimentaria precisan de consumidores que as fagan viables e non sucumban ante a voraz competencia de produtos foráneos que atopan nas grandes superficies e supermercados todas as facilidades para a comercializan dos seus produtos que se lles negan aos nosos. Hanse referir os que pronuncian os discursos conmemorativas, como é costume neles, a nosa condición de nacionalidade que sofre as políticas marxinadoras do Estado. Non seremos nós os que neguemos que así é. Pero reprochámoslles aos concelebrantes a perversa disociación das características que definen a nacionalidade. Castelao, a quen se citará en todos os actos, enumerou as características de Galicia: idioma, territorio e vida económica propia, amais dos hábitos sicolóxicos refletidos nunha comunidade de cultura. Características indisociables. Mais o certo é que cadaquén, esgazando a unidade que conforman todas, adoitan facer fincapé nun ou noutro aspecto segundo lles conveña ao seu credo político. O máis que poden facer é utilizar os catro conceptos para arrebolarllelos aos contricantes criticándolles as súas políticas. Ninguén apela á galeguización da economía, por exemplo. O Foro E.Peinador na misiva que lles enviou ás organizacións políticas e sindicais dílles que “a economía debe ser galeguizada, nomeadamente no ámbito agroalimentario. As explotación agrícolas e industrias de transformación do sector precisan do apoio dos consumidores para sobreviren e producir fixación de poboación no rural. Por idénticas circunstancias de dificultades pasa o noso idioma, que non acaba de ter a presenza que debera ter nos ámbitos sociais e económicos. Os nosos produtos e lingua galega porecisan do apoio dos consumidores para afortalaren es alianza estratéxica que define a Galicia como nacionalidade”. As organización receptoras do chamamento deberían practicar unha política pedagóxica de rente o chan, chamándolle ao pan pan e o viño viño; é dicir, “consideramos oportuno que desde as tribunas dos oradores se lles demande ao asistentes, de maneira expresa, clara e contundente, que nas compras cotiás elixan produtos etiquetados en galego. Porque deste xeito os consumidores terán a oportunidade de manifestaren un galeguismo verdadeiramente transformador”. De non mudaren o discurso, o demais é falar por falar. Hai que superar a diglosia no consumo. E un derradeiro prego, agora dirixido aos militantes máis conscientes desas formacións sindicais e políticas: demándenlles aos seus dirixentes que nas convocatorias do próximo día 25 se pronuncien sobre este asunto tan decisivo para nós coma pobo. A unidade fai a forza. Ramón Cabanillas, o noso poeta máis reivindicativo expresouno poeticamente nestes versos: “ Galicia, Nai e Señora, sempre garimosa e forte: preto e lonxe; onte, agora, mañá...na vida e na morte!

A ciencia en galego

Unha lingua para poder pervivir no tempo precisa estar presente en moitos ámbitos que lles faciliten esas posibilidades. A ciencia é un deles.Foron moitas as voces que lles negaron ás linguas a idoneidade para escribírense nelas tratados de física cuántica. O expresidente Adolfo Suárez foi un deles, provocando tales declaracións un rebumbio. Outras voces fixéronlle o coro. Foron tempos nos que os prexuízos lingüísticos tiñan fondas raíces que houbo que ir erradicando.