Artigos de Almudena Otero

O espazo escindido, a vida partida

En Melilla a fronteira semella algo intrínseco ao propio lugar, un elemento perfectamente natural nunha cidade que, sendo tan cativa, ten tantas lindes dentro dela. Hai uns anos percorrer esta cidade era irse atopando cunha chea de muros invisibles, liñas que trazaban o mercado, a estrada de Farhana ou a de Cabrerizas, ou as máis abstractas que debuxaban a lingua e os diferentes costumes. Muros tan altos que alguén que vivise pola praza de España ou no Paseo Marítimo podía descoñecer por completo a existencia, a uns poucos kilómetros, do Cerro de Palma Santa. E iso pese a que aló, cada mes de xullo, se celebra dende hai décadas unha romaxe á que acoden milleiros de peregrinos, xente que vén de lugares tan afastados como Fez ou mesmo Casablanca para lle render homenaxe ao santo, Sied Mohamedi Al-Tahiri, que nos anos vinte do século pasado fundou nese lugar unha cofradía sufí, a zauia alauia.