É efectiva a técnica de espallar palla nas zonas queimadas para rexeneralas?

Un estudo apunta tamén ao uso do triturado in situ do arboledo queimado non comercial como unha alternativa.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/06/2019 | Actualizada ás 18:35

Comparte esta noticia

Un estudo de investigadores galegos recolle a "eficacia" do 'mulching', técnica que consiste en espallar palla polas zonas queimadas por incendios forestais para evitar a erosión, aínda que determina que se debe cubrir máis do 80 por cento do terreo afectado para obter resultados satisfactorios.

Esta é unha das conclusións do libro 'Eficacia dos tratamentos de estabilización do chan despois de incendio en Galicia', presentado este martes e que foi realizado polas investigadoras do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán Cristina Fernández e Teresa Fontúrbel, xunto con José A. Veiga --que foi investigador nese centro-- e o xerente da empresa pública Seaga, Pablo Arbones.

En concreto, determínase que "é preciso asegurar unha cuberta inicial que supere o 80 por cento" do terreo queimado, para o que se require espallar unha cantidade de 2,5 toneladas de palla por hectárea. "Se se usan valores inferiores a esa cantidade, a súa eficacia diminúe notablemente, especialmente con alta precipitación e en lugares moi ventosos", asegura este traballo.

Ademais, apúntase que o 'mulch' de palla presenta "vantaxes indubidables" fronte ao uso de cortiza no tocante a custos de transporte e, "sobre todo, de aplicación". Con todo, indica que "o triturado in situ do arboledo queimado non comercial preséntase como unha alternativa prometedora en determinadas zonas".

Un dos puntos que se observan é que no seis primeiros meses tras un incendio pérdese "entre o 70 e 90 por cento do chan erosionado o primeiro ano despois do lume", polo que "se demostra a necesidade de actuar con urxencia mediante tratamentos de estabilización".

Precisamente, nos sitios queimados, ademais da severidade do lume no chan, identifícase que "as zonas forestais de Galicia que reciben maior precipitación son tamén as sometidas a un maior risco erosivo". Ademais, detectouse unha influencia "positiva" do 'mulching' sobre a recuperación da cobertura vexetal nos sitios do interior de Galicia.

INICIATIVA EUROPEA PLURIFOR

O acto de presentación do libro estivo presidido por Enrique Martínez Chamorro, director do CIF de Lourizán, centro dependente da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), da Consellería de Medio Rural.

Este libro realizouse tras o traballo de campo levado a cabo en varios incendios en Galicia durante os últimos anos. Nace no marco dun proxecto internacional que busca mellorar a xestión dos riscos que supoñen as masas forestais do sur de Europa.

En concreto, trátase da iniciativa 'Plurifor', que reúne a institutos de investigación, universidades, organizacións relacionadas co monte e gobernos rexionais do espazo Interreg Sudoe de Portugal, España e Francia, entre as que se atopa o CIF de Lourizán.

Mulching. XUNTA - Arquivo
Mulching. XUNTA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 backdrafft

Soamente valido para pequeNas zonas con pendiente o terreos que podan padecer un-ha forte erosión... o demais e pura tontería, ademáis supoño que tendrán que incidir outros procesos como a repoboación etc. senon non se entende nada.