Unha sociedade enferma e terminal

Nos tempos nos que a miseria invade a condición humana, a crise potencia que o individuo esmoreza, e aflore o peor de cada un como se dunha supervivencia darwiniana estivésemos falando.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 18/02/2012

Comparte esta noticia

 A sociedade galega sufre os embates de elementos que conflúen a un mesmo tempo nun mesmo lugar, e que fai especialmente complicada unha saída da crise á que algúns ven un “lóstrego de esperanza” no horizonte, mentres os que a sofren perciben que o buraco no que se están a afundir é cada vez de maior profundidade. 

Os médicos queixándose de brutais recortes na sanidade pública e alertando de privatizacións, pacientes aos que anteriormente dedicaban dez minutos, e agora mesmo  só o poden facer dous, listas de espera medrando xa incluso nos centros de saúde; funcionarios en rebeldía por normas contra o absentismo laboral nas que poderían pagar xustos por pecadores; sectores como o naval ou o metalúrxico en fase terminal ante a falla de encargos, co conseguinte efecto devastador nas comarcas nas que os estaleiros dan vida a centos de familias, e ás que cada día apágaselle máis a chama da esperanza. Galicia é un drama por cada recuncho desta terra sufridora, á que non lle vale como escusa, a evidencia de estar nunha situación macroeconómica menos mala que outros pobos do Estado español. Ver como os investigadores quedan ser recursos e que non pase absolutamente nada, é un claro síntoma de que unha sociedade até hai pouco con puxanza como a galega, déixase ir tentando cada un salvar os mobles, mentres cada vez máis afástase un proxecto común de país.

Sindicatos facendo folgas preventivas, mocidades de partidos nacionalistas convertidos en “nenos-fascistas” rebentando homenaxes a persoas falecidas diante das súas compunxidas familias, políticos de todo signo loitando por parcelas de poder nos que os egos non permiten ofrecer follas de ruta cribles e confiables á sociedade, mediocridade nas accións e falsidade nas verbas dos indocumentados, ou mesmo plantas incineradoras que pretenden situar no vértice da resistencia de comarcas dispostas a loitar contra as conciencias comprometidas moribundas…
 
Desculpen o pesimismo dunha persoa optimista recalcitrante, mais Galicia está neste momento da súa orgullosa Historia nunha “UCI”, na que os virus semellan ser cada vez máis resistentes, e a septicemia que poden provocar, ten cada día máis aspecto de mortal.
 
Ou non?
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Rafael Cuiña Aparicio Cursou estudos de dereito, e na actualidade é empresario en Lalín. Membro de varios foros de pensamento galeguista, como Prolingua, foro Peinador e IGEA, do que é directivo. Articulista en diferentes medios do país.