Coser...e cantar

A asemblea de Amio, finalmente non foi a da refundación. Falando cos diferentes líderes das distintas faccións do BNG, todos os que non pertencen a UPG, pensan que o resultado da “batalla de Amio” deixa un parte de baixas en combate moi superior ao desexable, e co enfermo crónico cambiando de estadío, para pasar ao de “enfermo terminal”.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 02/02/2012

Comparte esta noticia

Aos acólitos da maioría que rexe dentro da esquerda nacionalista, próelles que calquera que disinta, -e máis se non é da súa caste ideolóxica-, opine en liberdade da situación interna insostible da forza hexemónica do nacionalismo galego, polo menos até o de agora…

O BNG camiña por un fío perigoso, no que a súa democracia interna asemblearia decidiu que nada mude, e lexitimamente esa semella ser a folla de ruta para os duros tempos nos que estamos, e para os peores que aínda están por chegar. A lóxica política na contra, di que non hai moitos visos de recuperar sufraxios perdidos polo camiño de contendas anteriores, se o que se lle ofrece ao electorado é máis do mesmo, por moi democrática que sexa a elección de quen propón dito continuísmo.

Afirmaba Carlos Aymerich, -probablemente o gran derrotado da asemblea, sendo das persoas máis capaces da organización-, que agora hai que “coser”, dando a entender que a evidente ruptura da organización en dúas metades, é a lápida sobre a que se pode escribir o epitafio dunha organización que leva traballando dende os seus ideais por Galicia 30 anos. Tanto os membros de +Galiza, como os do Encontro Irmandiño, quéixanse da actitude dos seus presuntos compañeiros o sábado de asemblea, despois de sufrir imponderables que fan que as relacións persoais queden moi deterioradas, e que ofrecer á sociedade galega un proxecto común, sexa cada día menos posible. Se a UPG decídese a aplicar a aritmética apoiado pola súa “marca branca”, os mesmos que levantaban o puño dereito en sinal de ideoloxía comunista mentres cantan “Queixumes dos Pinos”, poden crer que iso é coherencia nas ideas, mais atoparanse con que a Galiza que eles desexan, cada día está máis lonxe da Galicia que desexamos os galegos. Poden pensar que o futuro constrúese apupando a convidados como Converxencia Democrática de Catalunya, e aplaudindo con forza aos representantes da represión cubana ou venezolana, mais o problema é que moitos alí chegaron ao límite do aguante no absurdo, e agora pensen seriamente que chegou a hora de marchar cara os territorios da racionalidade.

Ou non?
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Rafael Cuiña Aparicio Cursou estudos de dereito, e na actualidade é empresario en Lalín. Membro de varios foros de pensamento galeguista, como Prolingua, foro Peinador e IGEA, do que é directivo. Articulista en diferentes medios do país.