A vitoria dos pretorianos

Nos tempos nos que as dagas voan buscando seres inertes aos que axustizar, premiar a fidelidade dos teus por parte do “primus inter pares”, é algo salientable e non habitual no mundo da política con minúsculas co que a esta xeración nos toucou lidar.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 23/12/2011

Comparte esta noticia

Rajoy rodéase dos seus “pretorianos” para afrontar como Ulises, o reto máis importante da súa xa longa traxectoria política, tendo claro que a única “Penélope” que agarda pola súa chegada, ten en realidade nome maldito, e chámase crise. Un gabinete de pretorianos ministeriais, nos que a capacitación para enfrontar os retos que o Estado precisa, é, en principio, máis que evidente. A conformación do novo goberno, fai lembrar aqueles primeiros tempos da nosa democracia post franquista, na que os mediocres non tiñan cabida nas ribeiras da meritocracia formativa. Competencia e experiencia son dúas necesidades básicas en épocas nas que a desorientación por incapacidade, levou ao conxunto do Estado a límites insospeitados de desastre, nos que as sereas da ignominia sempre conseguían seducir aos inexpertos mariñeiros que remaban contracorrente nos mares da socialdemocracia esquecida.

Sorprende en todo caso, observar como os mesmos que criticaban de xeito demoledor, ao xa novo César, actúan agora como conversos na busca dun manto protector onde acubillarse da súa miseria, mentres a “elixida”, que responde ao nome de Soraya, vese na obriga de dicirlle ao novo mandatario, de xeito constante, “mira cara atrás e lembra que só es un home”… Mais a vantaxe de D. Mariano, é que dende tempos políticos inmemoriais, ten a suficiente experiencia para saber, que mentres os conversos van, el xa está de volta.

Sepáranme ideoloxicamente do presidente popular máis cousas que as que a miña conciencia quixera, máis é xusto recoñecer que tanto no seu discurso de investidura, como na formación do seu goberno, estivo á altura que se supón a un estadista chamado a rexer os destinos dunha obra que outros deixaron en ruínas. Na crítica construtiva á súa xestión, estará a demostración de fidelidade dunha militancia á que as arestas do descontento, fixeron en moitas ocasións actuar con preguiza ante os necesarios cambios de rumbo que a nave popular precisaba. Agardemos que a súa xestión, axude á terra galega a saír da crítica situación que o seu presidente recoñecía hai poucos días. Ten a histórica oportunidade de axudar a Galicia a ser o motor de futuro do que tantos galegos quixésemos estar orgullosos. E iso, non é pouco…

Ou non?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA