O PP insiste en manter á valedora no seu cargo para que non sexa substituída por un vicevaledor "do PSOE"

Tellado (PPdeG) avanza que os populares non queren "baleirar" a institución. O Parlamento votará o seu cesamento no Parlamento o luns.

Por Erik Dobaño | Compostela | 23/04/2019 | Actualizada ás 14:57

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia retoma a actividade plenaria este luns, horas despois de que se coñezan os resultados das eleccións xerais. Os deputados volverán ao hemiciclo para debater e votar a solicitude de cesamento de Milagros Otero como valedora do Pobo nun pleno específico impulsado pola oposición, que necesita dos votos do grupo maioritario, o PPdeG, para provocar a saída de Otero como responsable do alto comisionado da Cámara galega.

Este martes os portavoces dos grupos con presenza no Pazo do Hórreo aprobaron a orde do día do pleno ordinario que seguirá ao especifíco centrado na continuidade de Otero como valedora despois de que o Tribunal Supremo ratificase a nulidade do nomeamento do posto de xefe de servizo de Administración e Persoal, por "desvío de poder", a María Puy Fraga, sobriña do expresidente Manuel Fraga e irmá do portavoz parlamentario do Partido Popular.

Nas comparecencias de prensa celebradas este martes tras a xunta de portavoces, o popular Miguel Tellado non concretou en que sentido votará o seu grupo, aínda que indicou que consideran que se trata "dun debate superado" despois do "exercicio de responsabilidade" realizado por Otero, que puxo o seu cargo a disposición da Cámara --órgano que a nomeou a proposta do PP--.

Con todo, a renuncia da valedora está vinculada a que os grupos parlamentarios se poñan de acordo previamente sobre o seu substituto á fronte da institución e na Vicevaledoría, que actualmente ocupa Pablo Cameselle (nome impulsado polo PSOE). Para que o cesamento como valedora de Otero salga adianta é necesario o voto a favor dos populares, xa que se precisa unha maioría reforzada --tres quintas partes da Cámara--.

Aínda que evitou concretar se se oporán ou apoiarán a petición, o viceportavoz parlamentario do PPdeG, Miguel Tellado, incidiu en que Milagros Otero "actúa cun gran sentido da responsabilidade, como sempre fixo" ao ligar a súa saída a que a Cámara acordo o seu sucesor para así "non baleirar" a institución. "Agora tócanos aos grupos chegar a un acordo", apostilou.

Nesta liña, os populares insisten en que sería negativo que o alto comisionado do Parlamento de Galicia caia na "parálise" mentres os grupos chegan a un acordo para designar o substituto de Otero e do vicevaledor, Pablo Camaselle, a quen Tellado atribúe a "responsabilidade compartida" xunto con Otero do nomeamento anulado por sentenza xudicial."Non vaia a ser que o PSOE queira deixar no sitio de Otero ao vicevaledor, que eles nomearon. Entendo non", engadiu Tellado, que pediu "que non se xogue politicamente con esta cuestión".

SITUACIÓN "INSUSTENTABLE" PARA A OPOSICIÓN

Antes de que o popular comparecese ante os medios no Pazo do Hórreo facíano os portavoces dos grupos da oposición, que coincidían en cualificar de "insustentable" a situación creada no Valedor do Pobo tras o fallo do TSXG emitido en xuño do pasado ano e que foi ratificado a comezos do presente mes de abril polo Supremo.

"A lei do Valedor recolle que pode dimitir, renunciar ou ser cesada por incumprimento grave das súas funcións. Isto último é o que sucedeu", aseverou o portavoz socialista na Cámara, Xoaquín Fernández Leiceaga, que matizou que a votación "se cingue" ao cesamento de Otero como valedora.

Pola súa banda, o viceportavoz parlamentario de En Marea, Antón Sánchez, espetou que Milagros Otero "non pode continuar un día máis" á fronte da institución porque constitúe "unha vergoña" que unha persoa "que antes de ser valedora recoñecíase nos faladoiros como simpatizante do PP" permaneza no seu cargo despois de que un xulgado determine que cometeu "arbitrariedade e desvío de poder para colocar á irmá do portavoz parlamentario do PP".

"A pelota está no tellado do PP, con (Alberto Núñez) Feijóo á cabeza, que ten que decidir se segue amparando o nepotismo de Milagros Otero", afirmou a deputada do BNG Olalla Rodil, que considera que se trata de "un caso de caciquismo" que "pon en cuestión a independencia das institucións públicas", especialmente nunha como o Valedor do Pobo que ten como función "velar polos dereitos dos galegos".

A valedora do Pobo, Milagros Otero, na Comisión de Peticións. EUROPA PRESS - Arquivo
A valedora do Pobo, Milagros Otero, na Comisión de Peticións. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Resiste, Milagros, total, xa estás desprestixiada dabondo.