Tempo de silencio

Como na novela de Luís Martín-Santos, estamos en momentos nos que o chamado en literatura “realismo social”, empeza a quedarse curto, para describir situacións que vivimos nas nosas cidades, teoricamente nun país do primeiro mundo.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 01/12/2011

Comparte esta noticia

 A morte de indixentes, nas rúas de A Coruña debido ás hipotermias provocadas pola climatoloxía, son unha cicatriz na faciana dunha sociedade, fascinada polo irrelevante e despreocupada ante a vergoña do despropósito social.

Silencios ante as traxedias sociais, e silencios ante as medidas que pensa tomar o próximo goberno do Estado. Durante a campaña electoral, os xornalistas que seguían a caravana do candidato á presidencia do goberno dos populares, manifestaban a súa sorpresa ante a ausencia de roldas de prensa por parte de Mariano Rajoy. Tanto o lineal do discurso no debate televisado ante o candidato socialista, como a información a pingas transmitida polo equipo de campaña de Rajoy, sementaban unha alarma ante a posibilidade que eses silencios, escondesen o “holocausto” en materia de recortes sociais, tan temido nos tempos que máis se precisan. Unha vez manifestada a vontade popular de cambio, por parte dunha non ilusionada poboación, o presidente in pectore traballa no seu castelo de vidro da rúa Xénova na capital do Estado, no que o foso que o separa da realidade está cheo de preguntas, temores e porque non dicilo, tamén de esperanzas. É moi criticada nestes días a ausencia de declaracións por parte do pontevedrés, mais saber medir ben os tempos en política sempre foi máis unha virtude, agás cando esa medición o que oculta é a ausencia de solucións.

A estratexia que están seguindo os populares semella ser correcta. As reunións coa banca, axentes sociais, e actual goberno para acordar un traspaso de poderes serio nun país democrático, deben ser as pautas polas que debera transcorrer esa estrada cara a solución final. O lóxico, é que o goberno do Estado dite medias en función da situación das arcas públicas, previsións reais de crecemento, e posibilidades de ingresos na facenda pública. Porque o mínimo que se lle pode esixir a un goberno serio é que diga con claridade, onde estamos realmente, e cara onde imos, porque as mentiras e as verdades a medias ao final só traen fastío e indignación, provocando depresións post hipnóticas despois eleccións que defraudaron nas achegas.
 
Ou non?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA