Tedio electoral

Xúrolles que estamos en campaña electoral. Un, que foi adicto a elas durante moitos anos, observa con desidia, cando non cun certo desinterese, a evolución das caravanas electorais, e a reiteración de discursos baleiros de contido, que buscan máis evitar erros e as súas consecuencias, que achegar movementos concretos nesa partida de xadrez, na que estamos no abeiro do “xaque mate”.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 13/11/2011

Comparte esta noticia

O debate televisivo entre os líderes das dúas principais formacións estatais, foi dun nivel politicamente ínfimo, e dialecticamente pobre. Ao día de hoxe, aínda non teño claro, cal foi a proposta achegada por algún dos dous tótems políticos, -transformados en nasciturus da dialéctica socrática-, que poida mudar o rumbo da nave á deriva que é a economía española. Non podo dicir o mesmo do debate “a cinco”, no que un impecable Alberto Ruíz Gallardón, e o representante do PNV Iñigo Urkullu, brillaron na arte de expoñer programas, e contrastar pareceres, no que os seus superiores non foron capaces polo medo a non dar a imaxe que finalmente remataron ofrecendo. En clave galega, o representante do BNG, Francisco Jorquera, aproveitou os poucos instantes que permitía a JEC, para expoñer unha moi ben argumentada folla de ruta da esquerda nacionalista galega, cun discurso que perfectamente podería asumir IU.

Tiven a oportunidade de asistir a un mitin do Partido Popular, nunha “cancha” fácil como é Lalín, na que apreciei como o actual Presidente da Xunta dá a impresión de estar, en canto a construción e argumentación dun discurso político sólido, varios corpos por diante de calquera outro no panorama político galego, aínda que un ten a certeza de que é cada vez máis apreciado pola masa popular de Galicia, e menos pola de Galiza… Xunto a el unha Ana Pastor, exemplo sen dúbida de política traballadora, e modelo a imitar por unha caste, non sempre ben valorada. O problema vén cando a aprecias que os mesmos que critican durante moitos anos determinados postulados, agora o interese os leva até o punto de sufrir practicamente o “síndrome de Stendhal”.

Eternízase unha contenda electoral na que os populares compórtanse en algúns casos como os pavos reais ante a vitoria que agardan, na que destacados socialistas chegan a falar de necesidade de refundación dun partido de 135 anos nos “off the record”, e na que os nacionalistas tentan tapar as vías de auga para non afundir un bote xa moi danado. E mentres as grandes propostas para sacar a Galicia deste horror socioeconómico que padecemos, seguen a morar no “limbo dos xustos”…

Ou non?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA