Notas de campaña

Non me vén á mente un cualificativo máis axeitado para estes comicios locais, que o de “plano”.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 13/05/2011

Comparte esta noticia

Os candidatos que pululan pola distintas candidaturas do orbe galego, dan a sensación de vivir en realidades moi diferentes, aos universos nos que habitan os seus representados.

Os ataques políticos desmedidos, os insultos persoais exacerbados, a ausencia de propostas ilusionantes, a demagoxia elevada a máxima potencia, e a mediocridade instalada no discurso, confeccionan unha paisaxe política, carente de persoeiros que sexan capaces de debuxala cun bo trazo. Dende discusións bufonescas sobre colocación de carteis, até comparacións de candidatos co máis lamentable do “tele-lixo”, pasando por analoxías de candidatos presentes, con outros que nin se presentan. O Partido Popular pretendendo asimilar o fracaso das políticas de Zapatero, coas potenciais xestións de alcaldes bipartitos, e o Partido Socialista (nominalmente socialista), tentando escapar da queima da imaxe, daquel a quen “santificaron” en vida, e obvian no seu descenso aos infernos da irrelevancia.

Mentres, as caravanas das campañas seguen a súa marcha marcial polos recantos da terra de Breogán, como se dos xinetes do apocalipse se tratase, entrando en vilas, aldeas e cidades en actos, nos que as trompetas de Xericó, anuncian a candidatos capaces en ocasións, de derrubar os muros da dignidade existencial, e incapaces de construír realidades tanxibles, máis alá das promesas que nunca poderán cumprir. Sopran ventos, que auguran o incremento de tempestades económicas nas administracións locais, que traen mensaxes que falan do valente ou incauto que hai que ser hoxe por hoxe, para pretender dirixir unha realidade local, coas arcas baleiras, e as ideas no limbo dos ausentes.

Agora é o momento dos políticos “de raza”, dos que na adversidade medran por riba da mediocridade, e teñen o servizo público como obsesión, fronte aos que na época das “vacas fracas” foxen da poltrona, noutros tempos acomodaticia. Tempos de “animais políticos”, no mellor dos sentidos, tempos de compromiso coa nosa terra, e non agochar a cabeza baixo siglas que poden nun momento estar viciadas, polos intereses de xentes que buscan a consecución de obxectivos finais, máis próximos ao “poder monclovita”, que aos dos veciños que pretenden gobernar,

Temos o que merecemos, mais tamén podemos chegar a ter o que precisamos. Neso consiste a democracia representativa…

Ou non?
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA