Coidado coa mar

As xentes do mar sempre aconsellan, aos novatos e atrevidos, extremar a precaución coa mar, polos perigos constantes que existen nun medio no que non dominan, e ata os máis avezados temen.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 31/03/2011

Comparte esta noticia

Na política a situación é moi semellante; cando un non domina o medio, os perigos son constantes, e os “piratas” dispostos ao abordaxe moitos…
Comento todo isto, pola polémica artificial creada por unhas fotos nun acto electoral, nas que o presidente estatal do Partido Popular, Mariano Rajoy, está presente nun barco de propiedade dunha familia condenada por narcotráfico. Intentar manipular á opinión pública, con instantáneas que induzan a pensar sobre unha posible relación entre o líder do PP, e o máis rexeitable da sociedade, é cando menos necio. Ninguén cun mínimo de obxectividade e decencia, pode pensar por un só segundo, que Mariano Rajoy accedese a dar un mitin tendo a máis mínima referencia sobre a propiedade viciada do buque. O problema vén, cando dende a oposición tentar utilizar esta situación como un casus belli contra o partido popular, chegando a pedir explicacións a Louzán, Rueda e ao propio Rajoy, co “irrefutable” argumento de que “son de alí”.

Todo este tipo de situacións, levan ao cidadán a contemplar a unha caste que debera ser un exemplo, como un dos principais problemas do país. Mariano Rajoy, co que un pode ter diferenzas na concepción sobre Galicia, é unha persoa máis que decente e de incuestionable reputación ética, ao igual que o é Anxo Quintana, perseguido do mesmo xeito, por compartires espazo marítimo con importantes empresarios galegos. O comportamento do Partido Popular naquel momento non estivo á altura das circunstancias, como tampouco o está agora o dunha resentida oposición.

Semellan estar á moda actitudes de dubidoso corte democrático, cando un líder da oposición chega a insinuar a relación dun Presidente da Xunta co narcotráfico, -disposto a “morrer matando” (sic)-, ou a propagación polos de sempre, de lendas urbanas que falan da existencia de fotos gardadas en caixóns, que todo o mundo afirma coñecer, mais ninguén veu… Estamos nunha época na que as persecucións ao rival político, buscando “plutonio” a calquera prezo baixo as alfombras, remata repercutindo na credibilidade dunha caste política, que unha vez máis insisto non está á altura das circunstancias, -con honrosas excepcións-, do que os cidadáns galegos precisan e requiren.

Ou non?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA