Pedagoxía tóxica

As persoas que forman parte dos tres poderes constitutivos dun sistema democrático -o lexislativo, o executivo e o xudicial- deben ser conscientes de que as súas actuacións -ademais de estar condicionadas polo marco legal existente en cada momento histórico- orixinan unha inevitábel pedagoxía no seo do corpo social.O que se fai nos Parlamentos, nos gobernos e na xudicatura ten consecuencias relevantes non só polos efeitos concretos das medidas adoptadas (leis e normas aprobadas, decisións gobernativas, sentenzas emitidas) senón polo impacto das mesmas na lexitimidade das propias institucións.

Por Xesús Veiga | Compostela | 05/05/2018

Comparte esta noticia

Dous exemplos recentes poden ilustrar o sentido da devandita afirmación.A recente sentenza ditada pola Audiencia de Navarra traslada unha mensaxe moi perigosa para a vida das mulleres:se algunha ten que vivir unha situación análoga á padecida pola rapaza vítima do ataque sufrido en Xullo de 2016 deberá arriscar a súa vida se non quere que a súa actitude sexa considerada como consentidora (voto particular do maxistrado Ricardo González) ou de non suficiente envergadura para establecer a existencia dunha intimidación contra ela.A lóxica que destila esta decisión xudicial non pode ser mais nociva:ademais do despróposito que supón non aplicar a figura legal da agresión sexual (ou violación) para encaixar o sucedido aquel día nas rúas de Pamplona, coloca ao poder xudicial fora dos valores de igualdade defendidos nos últimos anos pola maioría das mulleres e unha parte significativa da poboación masculina.

Por outra banda, todo o sucedido no “affaire” Cifuentes é un catálogo de prácticas non compatíbeis co nivel que se debe esixir aos representantes públicos nunha democracia de calidade no século XXI.Se resultou escandalosa a negativa da ex-presidenta a presentar a dimisión despois de que foron públicas as irregularidades cometidas na obtención dunha titulación académica na URJC non menos grave resultou o procedemento mafioso utilizado para forzar a súa retirada (o vídeo gravado no Eroski vallecano no 2011).Para rematar a colección tóxica, o PP aceita que Cifuentes manteña o seu escano  na Asemblea de Madrid.A conclusión é propia dun esperpento valleinclanesco:a mesma persoa que non está en condicións de seguir presidindo o goberno autonómico, pode, en troques,manter o seu posto de deputada.Semella que, para Rajoy e os dirixentes da rúa Génova, o nivel de esixencia ética para formar parte das cámaras parlamentarias está baixo mínimos.

Nos vindeiros meses, o corpo electoral será convocado ás urnas (municipais, europeas e, nalgúns territorios, autonómicas).Tratase dunha oportunidade para comprobar a vontade realmente existente na cidadanía para censurar os comportamentos dos seus representantes.Co que levamos visto, non se poderá alegar ignorancia.

Cristina Cifuentes PP
Cristina Cifuentes PP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.