Galicia contará con 10 radares novos nos próximos anos ante o aumento dun 50 % dos mortos en estrada

Pere Navarro achaca o aumento da sinistralidade á "tensión" que se "traslada á estrada": "Conducimos como vivimos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/04/2024 | Actualizada ás 13:53

Comparte esta noticia

O director xeral de Tráfico, Pere Navarro, alertou este martes do incremento das vítimas mortais en accidentes de tráfico en Galicia, un 50 % máis que o ano anterior no que levamos de 2024, e pediu implicación da sociedade para reducir estas cifras, á vez que comprometeu máis axentes, controis e radares, concretamente 10 novos previstos para a Comunidade dentro do plan de choque que expón o Goberno.

Navarro participou este martes en Santiago de Compostela nunha visita ás instalacións provisionais do destacamento de Tráfico no Polígono de Costa Vella, onde se situarán os axentes mentres duren as obras na súa sede. Na visita participou tamén a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e o director xeral de Mobilidade da Xunta, Ignacio Mestre. Nun ano no que se cumpre o 65 aniversario da agrupación de Tráfico, Pere Navarro quixo "pór en valor o seu traballo" e os medios cos que conta o corpo, como estas instalacións, para "realizar mellor" as súas atribucións.

Visita ás novas instalacións provisionais de Tráfico en Santiago
Visita ás novas instalacións provisionais de Tráfico en Santiago | Fonte: CONCHI PAZ

O director xeral referiuse tamén á sinistralidade viaria en Galicia, en aumento, e destacou que, desde o 1 de xaneiro ao 28 de abril deste ano, os falecidos en accidentes de tráfico na Comunidade aumentaron un 50 % con respecto ao ano anterior, 37 fronte a 25. "Isto xa marca tendencia, é alarma", dixo Navarro, que apostilou que o incremento "corresponde todo a turismos" e afecta a unha franxa de idade entre os 45 e os 54 anos, "basicamente choques frontais en estradas".

"CONDUCIMOS COMO VIVIMOS"

Aínda que a tendencia "non é só en Galicia", se non que afecta a toda España e a outros países de Europa, pediu que a poboación poña "atención" á condución e evite condutas de risco. Sobre a orixe deste repunte, o responsable da DGT apelou á tensión: "Dáme a impresión de que conducimos como vivimos, e vivimos como vivimos, estamos sometidos, entre unhas cousas e outras, a unha certa tensión e é posible que isto o esteamos trasladando á estrada", dixo.

"Entre a guerra de Gaza, a guerra de Ucraína, o aumento do prezo dos alimentos, as hipotecas... Insisto, conducimos como vivimos e todo isto xera unha certa situación e ademais parece que estamos instalados en algo como: o hoxe é hoxe e mañá xa veremos", engadiu Pere Navarro, que, como consecuencia, apuntou que aumentaron "as velocidades medias nas estradas" e os positivos en alcol e drogas. "Co cal, luz vermella, atención, alarma", indicou, antes de pedir "a todo o mundo que poña algo da súa parte para tentar entre todos reconducir este significativo aumento e as súas dramáticas consecuencias".

Por parte da DGT, apuntou, é necesario "avisar, informar a todos" do que está a ocorrer, pedir "prudencia e maior coidado" aos condutores e facer da redución da sinistralidade "un obxectivo de país". Ademais, articulouse un 'plan de choque' no que haberá "máis radares, máis controis de alcoholemia e máis axentes da Garda Civil de Tráfico". Farase "territorializado", de modo que "cada área" poida "adecualo ás características do territorio".

Dentro dese plan de choque, engadiu a preguntas dos medios, prevese inicialmente a instalación de 10 novos radares en Galicia, cinco puntos de control e cinco radares de tramo, unha modalidade esta última pola que se aposta de preferencia. Ademais, en toda España chegarase ao seis millóns de controis de alcoholemia, 400.000 máis que o ano anterior, para "evitar a sensación de impunidade". "A xente que beba todo o que queira, o que non podes é conducir, co cal queremos que haxa a impresión de que aquí hai control", engadiu.

Para concluír, Pere Navarro quixo pór en valor o traballo que os axentes fan sobre o terreo, apuntando que "dá moita tranquilidade saber que ao final, na estrada, o que hai é os axentes da Garda Civil de Tráfico", e criticou o uso que se fai en Galicia dos "avisos de controis de alcoholemia por redes sociais". "Isto parece que está moito aquí, no territorio, e non nos gusta, co cal imos ver como e de que maneira podemos controlalo", engadiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta