O número de persoas con dependencia en Galicia cae ata as 111.929 en 2023, un 4,2% da poboación

As zonas de Galicia con maior porcentaxe de persoas con dependencia son o sur da provincia de Lugo e a Costa da Morte.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/04/2024 | Actualizada ás 12:43

Comparte esta noticia

O número de persoas que se declararon en situación de dependencia en Galicia situouse nas 111.929 en 2023, un 5,04% menos que en 2017, segundo a Enquisa estrutural a fogares referidos á Dependencia publicada este venres polo instituto Galego de Estatística (IGE), recollida por Europa Press.

Desta maneira, o 4,19% da poboación galega estaba en situación de dependencia o ano pasado, cunha incidencia menor entre os homes (3,18%) e maior entre as mulleres (5,13%). Por idades, só un 1,12% dos galegos de menos de 50 anos era dependente, así como un 1,83% dos habitantes de entre 50 e 64 anos e un 2,91% dos que teñen entre 65 e 74 anos. Con todo, un 20,57% dos de máis de 75 é dependente.

As zonas de Galicia con maior porcentaxe de persoas con dependencia son o sur da provincia de Lugo e a Costa da Morte. A primeira comprende as comarcas de Chantada, Quiroga e Terra de Lemos, cun 7,19% da súa poboación con dependencia. Pola súa banda, as comarcas de Bergantiños, Fisterra, Muros, Terra de Soneira e Xallas, este dato é do 6,99%.

Así mesmo, o 42,57% da poboación con problemas de dependencia en Galicia é moderada, mentres que o 26,12% ten un grao de dependencia severo e un 31,31% dos casos gran dependencia. Segundo as causas da dependencia, un 11,16% é de nacemento, e un 6,34% por accidente, aínda que a gran maioría por idade, cun 63,6%.

Entre outros datos, unhas 7.890 persoas con dependencia en Galicia en 2023 recibiron menos horas de coidados das que necesitaban, segundo a enquisa.

Atención á dependencia
Atención á dependencia | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta