Temas: PSOE PP LENIN FERROL

Piden ao Ateneo de Ferrol que non ceda "á chantaxe" do PP e permita un acto de Lenin

Ligan esta actitude á polémica xurdida na cidade da Coruña, onde os populares locais reclamaron á alcaldesa, Inés Rey (PSOE), que anulase un acto igual na urbe herculina

Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 23/04/2024 | Actualizada ás 17:08

Comparte esta noticia

O portavoz en Ferrol de Esquerda Revolucionaria, Xaquín García Sinde, reclamou ao presidente do Ateneo Ferrolán, Xavier Montero Dongil, que "non ceda ás presións da dereita e á chantaxe" do PP e permita a celebración do acto homenaxe a Lenin polo centenario da súa morte que tiña previsto celebrarse este xoves e que foi suspendido polos responsables da entidade.

"Estamos a falar dun acto de censura ideolóxica que ademais se basea, como vemos polas polémicas noutros sitios, en falsidades históricas como é equiparar a Lenin con Hitler", asegurou García Sinde nunha rolda de prensa ofrecida no mediodía deste martes na praza de Armas de Ferrol e que contou co apoio de partidos de esquerdas, sindicatos e organizacións culturais desta cidade.

García Sinde denunciou que detrás da decisión do Ateneo Ferrolán de suspender a actividade está o goberno municipal desta cidade, integrado en exclusiva polo Partido Popular, e que ligan á polémica xurdida na cidade da Coruña, onde os populares locais reclamaron á alcaldesa, Inés Rey (PSOE), que anulase un acto igual na urbe herculina.

"Parécenos unha contradición que o alcalde desta cidade un día acuda a Canido a inaugurar un monumento en memoria das vítimas do franquismo e da ditadura, e ao día seguinte prohiba un acto que ten o mesmo contido ideolóxico que compartían moitas das persoas homenaxeadas", aseverou o responsable de Esquerda Revolucionaria en Ferrol.

Así, instou ao PP a que depoña a súa actitude "censora" e permita "a rectificación ao presidente do Ateneo" para poder celebrar un acto nas instalacións da entidade, que pertencen á rede municipal.

En todo caso, o portavoz de Esquerda Revolucionaria e a Fundación Federico Engels, que son os organizadores, detallou que este xoves, 25 de abril, ás 19,00 horas, estarán na sede do Ateneo Ferrolán. "Vai haber acto si ou si, e se non pode ser no salón de actos desta sede, pois será noutro sitio, pero vai haber acto. Que se esquezan, non imos darlles ese gusto a dereita", concluíu.

Organizadores do evento en homenaxe a Lenin en Ferrol xunto a representantes de colectivos que se solidarizan ante a suspensión do evento no Ateneo da cidade
Organizadores do evento en homenaxe a Lenin en Ferrol xunto a representantes de colectivos que se solidarizan ante a suspensión do evento no Ateneo da cidade | Fonte: Europa Press

Temas: PSOE PP LENIN FERROL
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta